Abandono do rural

Rede Rural quéixase do abandono da sanidade pública e da educación no rural galego así coma das infraestruturas.

Eu vivo no rural da comarca de Compostela e penso que se nós non estamos ben respecto aos servizos como estarán nas zonas rurais do interior da Galiza onde a poboación é moi minguante e non se inviste en servizos para a pouca poboación que queda nas aldeas.

Xa na zona onde eu vivo as infraestruturas están baixo mínimos, as barreiras arquitectónicas para moverse en cadeira de rodas ou con mobilidade reducida son totais e non se ve forma de poñerlle solucións por máis que se saiba do problema. Polo de agora non nos podemos queixar dos servizos de educación e sanidade pero temos que estar atentos para seguir defendendo estes servizos mínimos.

Na Galiza hai máis de un millar de lugares onde vive tan só unha persoa, enténdase que nin unha parella senón unha persoa. Podémonos imaxinar en que condicións vivirán esas persoas, en soidade e sen servizos públicos esenciais.

Este abandono do rural non só se da en lugares afastados pois no rural de Compostela, vivo nel e poño coma exemplo, hai pistas polas que temos que circular en moi malas condicións, transporte público escaso, acceso a novas tecnoloxías deficiente, barreiras arquitectónicas insalvables, servizos de conciliación moi mellorables… Despois queixarémonos da falta de poboación e da baixa ou nula natalidade. Se estes problemas xa os atopamos nas cidades imaxinade como estaremos no rural.

Parece ser que o abandono do rural é cousa de tódalas administracións. Non damos votos! Se non hai poboación non hai votos e se non hai votos non hai poder para mellorar os servizos no rural.

A xente moza búscase a súa vida nas cidades, os que as teñen preto, para servirse das vantaxes do urbano e volver o rural de vacacións ou de fin de semana desfrutar do tempo de lecer. Así por unha banda baldeirase o rural e pola outra encarécense os alugueres urbanos pois hai máis demanda que oferta e a lei do mercado manda.

Precisamos de unas condicións de vida dignas no rural para así asentar poboación e manter os servizos.