Europa, Palestina e Israel

A cuestión palestino-israelí é realmente complexa. Ten raíces históricas profundas, intimamente vencelladas á intervención europea na rexión. Así, Palestina non deixa de ser unha vítima das ansias colonizadoras do vello continente e Israel do seu antisemitismo histórico.

Na Idade Media acusábase o podo xudeu de todo. Moitos países europeos expulsaron na altura comunidades enteiras. No século XIX, o antisemitismo adquiriu unha nova dimensión racial que alimentou o apoio dalgúns gobernos europeos ao traslado forzoso do pobo de Ana Frank cara a Alemaña nazi.
O xenocidio de seis millóns de xudeus europeos en catro anos –dúas veces a poboación galega– tivo un profundo impacto nunha Europa que se miraba a un espello arrepiante pero que, con todo, seguía renitente á idea de reabsorber aos superviventes.

A traxedia volvía sacudir ao mundo cando a Mariña Real Británica asaltaba violentamente o Exodus 1947. A operación resultou na morte de varios pasaxeiros e en presións internacionais para formalizar, na terra chamada Palestina, o Estado de Israel.

A cuestión sinalada é un exemplo máis dunha Europa que se dilúe en promesas. A Primeira Guerra Mundial foi un partido disputado. Neste contexto, o Reino Unido buscaba apoios para fortalecer a súa posición na contenda, o que os levou a firmar a Declaración Balfour en 1917. Unha carta na que se falaba dun "fogar nacional para o pobo xudeu" na Palestina. Pero é que un ano antes, na correspondencia Husayn-McMahon (1915-1916), prometíaselle ás comunidades árabes a independencia da mesma terra a cambio do seu apoio na caída do Imperio Otomano.

As vergoñas dunha Europa que obrou mal limitan agora a voz dos seus dirixentes. Estados Unidos, que ten aos árabes contentos, atopa en Israel un parapeto. E, aínda que algúns países empezan agora a posicionarse claramente en favor dun Estado palestino, é márketing pois para os árabes aceptar unha parte do seu territorio sería tanto como formalizar unha ocupación que veu a resolver os problemas de outros.

En todo caso, unha Unión sen decisión propia. Se ben se estivo traballando para desenvolver capacidades de defensa á marxe da OTAN, o certo é que rapidamente os Estados Unidos expresaron a súa preocupación sobre a posíbel "duplicidade de esforzos" e "fragmentación de recursos". O presidente Trump pedíalle, case obsesivamente, aos países europeos que cumprisen co compromiso de 2% de PIB en defensa para 2024. Pero realmente todas as estratexias e políticas da Alianza Atlántica son influídas polas posicións e prioridades norteamericanas.

A importancia dos Estados Unidos na Organización do Tratado do Atlántico Norte reflíctese na súa estrutura de mando. Tradicionalmente, un oficial estadounidense ocupa o cargo de Comandante Supremo Aliado en Europa. Un posto fundamental, responsábel da planificación e execución de todas as operacións militares nesta área de influenza.

Europa, dende a Segunda Gran Guerra, non ten capacidade para emendar en solitario ningún erro propio.