A Europa que coñecemos

Podemos dicir que hoxe Galiza elixe aos seus representantes na Unión por unha rexión en eterna disputa entre Francia e Alemaña?
Tras a II Guerra Mundial, Europa quedou devastada. A necesidade de evitar unha nova contenda, e de promover a reconciliación entre os pobos que a habitaban, era a preocupación central na altura. Neste contexto, a reconciliación franco-alemá emerxeu como prioridade.

O Tratado constitutivo da Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (CECA) destácase como o primeiro paso significativo cara a integración europea. Este acordo involucraba a seis países –Francia, Alemaña Occidental, Italia, Bélxica, Países Baixos e Luxemburgo– que, ao pór en común recursos vitais para a reconstrución e a re-industrialización, paliaba, entre os concernentes, a posibilidade dunha nova contenda.

Durante o século XIX, Alsacia e Lorena, baixo control alemán, convertéronse en importantes rexións industriais, especialmente na produción de carbón e de aceiro. Pero a "derrota" alemá na I Guerra Mundial levou á firma do Tratado de Versalles, que devolvía Alsacia e Lorena a Francia. Como parte do proceso de integración europea, despois da II Gran Guerra, decidiuse que a cooperación na produción de carbón e de aceiro entre Francia e Alemaña sería un paso decisivo. Así, o Tratado CECA establecía unha autoridade común sobre a produción de ambos recursos, sentando as bases para unha maior cooperación económica e finalmente para a creación da actual UE.

A todos os actores lles interesaba a paz. Algúns eventos importantes que marcaron o inicio da Guerra Fría inclúen a Conferencia de Yalta, a Doutrina Truman, o bloqueo de Berlín e a conformación da OTAN. Polo que, tanto Rusia como Estados Unidos xa entraran a controlar a xeopolítica mundial. Gran Bretaña, arruinada polos conflitos bélicos, empezaba aínda a levantar cabeza. E en Asia, un Xapón forte noutra época lambía as feridas das dúas bombas nucleares.

A europeización xogou un papel central na expresión de ideas, valores e organización do poder político, de moitos pobos do mundo. No século XX, Europa consolídase como 'faro moral de Occidente' destacando pola súa notábel capacidade de recuperación e consenso; un liderado no proceso de descolonización, que marcou un fito no proceder histórico do ser humano; e un proceso de integración que non só proporcionaba estabilidade nun contexto de gran tensión, senón que limitaba notabelmente as históricas liortas internas.

Na xeopolítica global, Europa segue a manter un papel importante, sobre todo pola súa capacidade de consumo, pero o peso da institución dilúese. Para algúns expertos, a evolución natural do vello continente é a de museo histórico da civilización, pivotando entre muleta de Estados Unidos e península de Asia. É esta sensación de paraíso a que nos fai caer nos populismos da moral e da emigración. Pregúntome, asemade, se non nos estaremos a colocar como a Bélxica dos próximos conflitos globais: flanco débil de Francia, a neutralidade do país non impediu que se convertese en campo de batalla.