Opinión

Paco de Aguiño. O Apóstolo

Hai xa 13 anos que o amigo e finado Plácido Betanzos, militante e concelleiro do BNG, publicaba un fermoso artigo en memoria de Francisco Lorenzo Mariño, párroco fundador de Aguiño, para conmemorar o quinto aniversario do seu pasamento en xaneiro de 2004 referíndose a el como "o apóstolo". A día de hoxe a súa semente medrou en nós e o seu espírito segue vivo neste pobo ao que chegara en 1959.

Hai uns días reuniámonos no Son para render sentida homenaxe co noso Himno e coa lectura dun manifesto reivindicativo de xustiza social, recuperación dos servizos públicos e outras peticións necesarias para alcanzar a igualdade, o benestar, garantir a liberdade, a democracia e confraternizar cos pobos nunha sociedade cada vez máis aberta e plural ao tempo que egoísta e clasista. É moi doado ter presente a alguén tan sinxelo coma el, un deses humildes que sen pretendelo pasan á historia e constitúen memoria como un persoeiro único que ao deixar a súa pegada en tantas obras e accións non poderá esquecerse endexamais.

Non queremos semellar pretensiosos na loanza dunha persoa que na súa humildade se negou a que varias infraestruturas levasen o seu nome e rematou cedendo, tras moita insistencia, a bautizar unha estrada que o recoñecese; estou seguro de que el querería que a comunidade siga viva, que o tecido social sexa activo, que medre a cultura por cada recuncho do seu prezado Aguiño e por toda Galicia, unha terra que é matria, que ten a súa historia, identidade, cultura… que cómpre poñer en valor a cada instante coa fachenda de pertencer a un todo que medra e nos identifica, tal e como recentemente sucedeu coas Tanxugueiras, que son un bo exemplo do alcanzado tras o traballo previo de tantas e tantos outros que tiveron un camiño cheo de dificultade como o do pedregal de Irimia, onde nacían en 1978 as Romaxes de Crentes Galegos e outras iniciativas como a asociación e revista do mesmo nome.

Ese sendeiro trazado polos precursores da cultura, da lingua, do pensamento, da Fe… estivo repleto de impedimentos, menosprezos ou tópicos, pero foi andándose amodo, como a peregrinación de Exeria no século IV, por moitas e moitos que loitaron polo que crían e polo que sentían bater nos seus peitos. Deste xeito, con forza e valentía, tamén Aida, Sabela e Olaia mesturaron a tradición co urbano adaptándose aos tempos e reivindicando a igualdade, o empoderamento feminino como fan Guadi Galego, Sés ou antes fixeron Leilía, Seivane, Uxía… así como toda a xente que as acompañou e foron capaces de facerse oír e respectar, facer querer a nosa música e lingua a toda a cidadanía e levala non só a España para a súa representación en Eurovisión, senón tamén a Escocia, Cuba, India ou Suíza ademais de ao noso país irmán Portugal.

Francisco Lorenzo Mariño soubo facer medrar un grande amor polo País, mesturar fe e galeguidade coa axuda doutros moitos como Chao Rego, o ilustre aguiñés Torres Queiruga, Engracia Vidal, Marisa Vidal Collazo… Aprendeunos tamén a predicar coa solidariedade, compartindo e repartindo e deixou o seu legado en cada obra que impulsou con bravura como agochar fuxidos do franquismo na reitoral, pintar a bandeira e o escudo de Galicia no campanario en 1965, non reservar cadeira para o gobernador civil na inauguración da igrexa, publicar en galego durante a ditadura, ser a primeira parroquia de Galicia en misar na nosa lingua tras o Vaticano II ou agardar pacientemente que o fosen deter no 23F do 1981. Sempre foi bondadoso, rosmón pero agarimoso, humilde e sinxelo e amigo das chanzas, pois escribiu moitos anos as letras das murgas que levaba Aguiño ao Entroido de Ribeira e non deixaba "títere con cabeza"… Agora que estamos preto do carnaval cómpre lembrar eses versos do ano 88 que dicían: Mami, que será o que quer Galicia? Mami, Galicia está durmida, non queren que esperte, nin Laxe nin Felipe (…).

Coa valentía dun apóstolo forxou a nosa identidade como pobo da que medrou un Aguiño forte e xeneroso; tras a súa perda agromou da súa semente a nosa asociación "Francisco Lorenzo Mariño" que dende aquela está a organizar actividades de memoria, historia, cultura, defensa dos intereses veciñais, literatura, arte e compromiso con Galicia.

Comentarios