Opinión

...un gran salto para o deporte

Nos días previos á xornada do orgullo LGTBI+ o xogador de fútbol americano Carl Nassib (DL das Vegas Raiders) pendurou nas súas redes sociais un vídeo no que se declaraba abertamente homosexual. Un fito histórico posto que é o primeiro xogador en activo en recoñecer de forma pública esta condición nos máis de cen anos que ten a NFL.

O xesto non tardou en ter unha resposta masiva por parte de todos os colectivos que rodean o deporte norteamericano. Xogadores da propia liga mostraron o seu apoio mediante as redes sociais. Exemplos son o de Solomon Thomas (DT das Vegas Raiders) que afirmou sentir “orgullo” polo “importante fito” que acababa de realizar o seu compañeiro, ou Julien Edelman (ex WR dos Patriots) quen describiu a acción como “un momento incrible” e agradeceu a doazón de Nassib a “The Trevor Project” (organización sen ánimo de lucro pola prevención do suicidio na comunidade LGTBI+), ou o propio adestrador das Vegas Raiders quen en rolda de prensa dixo “o que fai a un home diferente só o fai máis grande” para referirse ao seu liña defensivo. Mesmo as camisetas de Nassib pasaron a ser as máis vendidas de toda a liga en cuestión de tres días...

E é que a sociedade cambia e o mundo do deporte parece que empeza a asumilo e a facelo tamén, pouco a pouco, pero empeza a facelo xa que, apenas un ano atrás, Katie Sowers recoñecía a súa condición de muller homosexual converténdose na primeira integrante abertamente gay de un staff técnico. Pero débese recalcar o de que empeza a mudar porque até non hai tanto as cousas eran moi distintas dentro da NFL e tan só sete anos atrás podemos atopar un caso como é o de Michael Sam.

Durante a súa carreira no eido universitario, este xogador acadou unhas cifras máis que considerables nunha das divisións máis competitivas, a SEC. No seu último ano foi nomeado xogador defensivo do curso e todo apuntaba a unha prometedora carreira na NFL. Porén, un mes antes de realizarse o Draft, Sam declarou abertamente a súa homosexualidade e isto acabaría por completo con ese futuro que se lle vaticinaba.

A súa selección fíxose na sétima e última rolda e nin sequera chegaría a disputar un partido na máxima competición do deporte americano. Para entender un pouco todo isto, para darlle contexto, podemos mirar ao seu acompañante no título de mellor xogador defensivo da SEC nese mesmo ano (os dous recibírono de forma compartida) C.J. Mosley. Mosley foi seleccionado na primeira rolda do Draft e xa xogaría como titular na súa primeira tempada na NFL.

Michael Sam retiraríase tras dous anos na competición para “preservar a súa saúde mental” segundo as súas propias palabras, e tempo despois confesaría nun artigo que escribiu para Sports Illustrated que a súa estadía na NFL foi un pesadelo debido ao acoso que alí recibiu.

Porén, a historia de Michael Sam non cae no esquecemento nin moito menos a súa loita unha vez se retira do deporte. As súas declaracións, os seus artigo e, sobre todo, o seu exemplo e valentía seguen a persistir e sen dúbida ningunha son un dos importantes motivos polos que a día de hoxe podemos falar das declaracións de Katie Sowers e Carl Nassib e da súa recepción tan positiva nun mundo como é o da NFL. Estes son os primeiros pasos e aínda queda moito por andar, é certo mais, polo menos, van na dirección que nos permite soñar cun futuro do deporte libre de homofobia.

Comentarios