Abanca

NCG Banco mudou a súa marca este xoves, rematando un proceso que pasou pola efectiva adquisición por Banesco do 88% da titularidade do Banco e pola elección dun novo Consello de Administración. Deste xeito, rematou a historia das Caixas de Aforro de Galicia (fica viva, baixo a fasquía xurídica de Cooperativa de Crédito, a Caixa Rural galega) e máis a fase provisional de nacionalización do principal Banco galego, agora de maioría venezuelana.

NCG Banco mudou a súa marca este xoves, rematando un proceso que pasou pola efectiva adquisición por Banesco do 88% da titularidade do Banco e pola elección dun novo Consello de Administración. Deste xeito, rematou a historia das Caixas de Aforro de Galicia (fica viva, baixo a fasquía xurídica de Cooperativa de Crédito, a Caixa Rural galega) e máis a fase provisional de nacionalización do principal Banco galego, agora de maioría venezuelana.

"Galicia perdeu dúas entidades financeiras de base social e deste feito existen sinalados responsábeis por acción e/ou omisión"

Vaia por diante que, no contexto decidido por Rajoy e De Guindos hai agora un ano, o-provisional-remate deste proceso non é o peor posíbel. Seica salvouse o domicilio social e fiscal e a sede operativa no noso País, canda unha marca e unha oferta financeira propias.  O emprego salvouse, tamén,  en proporcións moi superiores ca os que conlevaría unha adquisición a prol do Santander, BBVA ou Caixabank. Por outra banda, semella que a nova maioría do capital entende máis a xeito o valor da diferenza, da identidade e da complicidade coa cidadanía galega a respecto  dos antigos xestores das Caixas, na liña tracexada pola equipa de Castellano.

"Na vinculación co aforro galego pode residir boa parte do éxito da futura saída a Bolsa da anovada ABANCA, ligando de xeito estábel o seu futuro co deste País".

Dito isto, compre lembrar que a Facenda de todos perdeu 9000 M€ neste proceso e que esta perda podería ter sido moito menor se o Goberno central xogase limpo co noso País, simplesmente outorgándolle a NCG o rango sistémico que lle deu a Bankia e non forzándolle a un proceso de poxa competitiva  no peor dos momentos dos mercados financeiros. Galicia perdeu dúas entidades financeiras de base social e deste feito existen sinalados responsábeis por acción e/ou omisión. As responsabilidades penais, civís e administrativas non poden ficar no xuizo da Audiencia Nacional polo asunto das pensións por cesamento dalgúns dos seus xestores e este intre histórico é o axeitado para, sen nos parar en consideracións, (re) abrir as pescudas que cumpran en Dereito. Doa a quen lle doa.
Compre constatar, tamén, que a nova equipa entendeu o dano reputacional que á entidade lle xeraba a crise da débeda subordinada, aínda non resolvida de todo, mais certamente en vías de amaño parcial. Pois na vinculación co aforro galego pode residir boa parte do éxito da futura saída a Bolsa da anovada ABANCA, ligando de xeito estábel o seu futuro co deste País.