O compromiso de Rosalía Mera

Dicía Bertold Brecht que hai persoas que loitan un día e son boas. Mellores-dicía- son os que loitan un ano e excelentes os que loitan varios anos. Mais as verdadeiramente imprescindíbeis-remataba-son as que loitan toda a vida.

 

Dicía Bertold Brecht que hai persoas que loitan un día e son boas. Mellores-dicía- son os que loitan un ano e excelentes os que loitan varios anos. Mais as verdadeiramente imprescindíbeis-remataba-son as que loitan toda a vida.

"Na súa xuventude  fundou, cos irmáns Amancio e Antonio Ortega e Primitiva, a dona deste,  GOA, o xérmolo do que logo sería Inditex"

Rosalía Mera era das imprescindíbeis, porque a súa vida foi continuo traballo e continua creación.  Naceu en fogar humilde do carismático bairro coruñés de Monte Alto e deixou  axiña os estudos, canda tantas outras galegas da postguerra. Na súa xuventude  fundou, cos irmáns Amancio e Antonio Ortega e Primitiva, a dona deste,  GOA, o xérmolo do que logo sería Inditex. Rosalía desenvolvería un papel sobranceiro na primeira década de vida do Grupo Empresarial e, xa que logo, na estruturación de dous dos seus máis sólidos alicerces:  a integración vertical (dende o deseño até a comercialización, pasando pola fabricación e distribución) e o método “just in time”, que evitaba os “stocks” aquelando os ritmos de fabricación aos requerimentos expresados pola clientela nos pontos de venda.

Mais as circunstancias da vida afastaron a Rosalía da primeira liña de dirección executiva de Inditex para destinala ao seu compromiso social. Porque na creación da Fundación Paideia Galiza influiu, claro é, a súa circunstancia de nai, mais tamén unha cosmovisión afastada do asistencialismo e  baseada na inclusión social. Esa cosmovisión que lle levou a fundar o viveiro empresarial “Máns” para apostar, como industrias estratéxicas para Galicia, polas da información e comunicación, as audiovisuais e as musicais, xusto das que están resultando máis mancadas pola cegueira política do austericidio.  

É certo que, en último de contas, Rosalía podía desfrutar da liberdade de criterio que lle daba a súa posición  abastada, mais son ducias no Estado os que partillan semellantes circunstancias e non é, nin moito menos, cotián escoitar ningún dos titulares destas grandes fortunas defender a sanidade e a educación públicas e denunciar os seus recurtes. 

Como decote facía Rosalía, que acreditaba na cohesión social e non na beneficencia.