A descapitalización da nosa sanidade

Como todos os veráns dende 2010 a calidade da atención sanitaria pública diminuiu substancialmente estas semanas na Galicia

 

Como todos os veráns dende 2010 a calidade da atención sanitaria pública diminuiu substancialmente estas semanas na Galicia. Reducíronse 1015 camas en todo o país no cuadrimestre xuño-setembro. Na Coruña, por exemplo, o colapso das urxencias é total, malia as novas instalacións e non é nada chocante agardar 24 horas sen atención ao xeito. As listas de agarda medran seguido, malia a creativa contabilización e maquillaxe das estatísticas oficiais do SERGAS.

A sanidade pública galega nunca foi cara para a sociedade. De feito só inviste o 6,4% do PIB, fronte a máis do 11% da sanidade francesa ou o 14% dunha sanidade USA que até a reforma de Obama excluía 50 millóns de persoas. Mais Feijoo impuxo a súa política de austeridade (de privación parcial de dereitos, en realidade ) sanitaria dende o minuto un do seu goberno. Sabían que o gasto sanitario galego baixou en 460 millóns de euros dende 2009 até o 2014? Pois é certo. O gasto por habitante en saúde baixou nese periodo en Galicia de 1401 € a 1257 €. A pesares de que a poboación maior e, xa que logo, crónica, medrou continuamente durante ese tempo.

O gasto por habitante en saúde baixou entre 2009 e 2014 en Galicia de 1401 € a 1257 €

E logo temos o despropósito da xubilación dos médicos aos 65 anos e a imposibilidade de repor estas vacantes. Este proceso está descapitalizando de xeito continuo a nosa sanidade, ao perder non só facultativos, senón o mellor da súa experiencia nos mellores anos da súa vida profesional, polo menos nas especialidades non cirúrxicas. Menos médicos, menos coñecemento, menos atención.

Mentres, é xusto salientar o grandísimo esforzo dos profesionais da sanidade pública galega para manter a mellor atención posíbel ao usuario nesta conxuntura tan desfavorábel. O persoal médico, de enfermaría, de laboratorios…traballa con dedicación e eficiencia nunhas condicións cada vez peores. Quitando os moi  poucos casos de médicos que abusan da súa posición a favor dos seus doentes da privada, ás veces “anticipándolles” as probas na sanidade pública.

Os recurtes da austeridade deterioraron substancialmente a sanidade galega, atinxindo súa capacidade de curación.Os recurtes da austeridade mancaron,pois, a nosa saúde.