Mirarmos polo noso
Cando aínda hai quen dí que promocionarmos a identidade vai contra os nosos intereses económicos, a realidade é que Galicia só achega o 5,5% PIB e o 6% da poboación estatais.
Cando aínda hai quen dí que promocionarmos a identidade vai contra os nosos intereses económicos, a realidade é que Galicia só achega o 5,5% PIB e o 6% da poboación estatais. É dicir, contamos ben pouco por número, fronte a Catalunya ou Andalucía. E as actividades económicas que para nós son esenciais (forestal, enerxía, lácteo, mar-industria, naval, a ubicación e potencialidade dos nosos portos…) para España son prescindíbeis. Canto á principal actividade económica española, o turismo, Galicia tamén ten intereses totalmente contrapostos. Porque non podemos vender sol e, xa que logo, temos que independizar totalmente a nosa oferta, o noso produto.
Velaí como Galicia precisa da propia identidade como garantía da súa viabilidade económica. E o exemplo aquelado da promoción turística independente (¨”mire,Galicia non lle pode ofrecer sol oito meses ao ano, mais ofrécelle outros atractivos”) é válido para camiñarmos o noso futuro como País. Galicia ten que pensar en si propia e nos seus propios intereses. E presentarse na Europa e no mundo como tal. Conta para iso coas inmensas avantaxes do camiño xacobeo, da lusofonía, da súa proxección ibeoramericana e do seu apreciábel coñecemento nos países celtas e en boa parte da Europa.
"Galicia precisa da propia identidade como garantía da súa viabilidade económica"
O que esixe (como ben dicía aquel grande coruñés e europeísta, Salvador de Madariaga) acadarmos os máximos níveis de autogoberno que permitan as circunstancias. Precisamente para pormos en valor todos eses alicerces da nosa economía que España non considera porque para o conxunto dela non sñon importantes. Para acadarmos outro financiamento (Anxo Quintana e “Sómos Nós” veñen de demostrar que Galicia é acredora de máis de 1150 M€/ano adicionais para os seus concellos por avellentamento e dispersión poboacional) e outra tarifa eléctrica. E para enfrontar unha acción exterior de noso que invirta os patéticos níveis de investimento exterior que captamos e poña a Marca-Galicia no mundo.
Galicia non ten máis garantía da súa viabilidade económica ca a identidade e o autogoberno. Despoxados da forza dos números só mantemos a da diferenza, a da nosa especificade como galegos. Porque sen ela seríamos un recuncho noroeste de cativa demografía e económicamente empobrecido. Sen interese para case ninguén.