Moito máis que o leite

As mobilizacións deste verán da Plataforma para a defensa do sector lácteo galego

 

As mobilizacións deste verán da Plataforma para a defensa do sector lácteo galego tiveron o grande acerto de trascender dos sindicatos agrarios e implicar á cidadanía galega nas súas reivindicacións. E conseguírono. Velaí o peche masivo do comercio de proximidade en agosto nas mobilizacións de Vilalba, Ordes, Lalín ou Santa Comba e a comprensión e apoio cidadán amosado en Lugo e Compostela. Nunha época de depresión económica, na que cada aforro é importante para a economía doméstica, moitas persoas das vilas e cidades decatáronse de que vender o leite a 0,60 € na distribución comercial só  é posíbel pagándollo aos gandeiros a 0,26 € . E de que ese prezo, sete céntimos por baixo do custo, arruinará o sector indefectíbelmente. E en pouco tempo.

Moita xente tamén intúe que a produción láctea é moito máis ca un sector económico. E teñen razón. Porque as explotacións lácteas constitúen un elemento de vertebración fulcral  na Galicia interior

Moita xente tamén intúe que a produción láctea é moito máis ca un sector económico. E teñen razón. Porque as explotacións lácteas constitúen un elemento de vertebración fulcral na Galicia interior. O comercio de proximidade e os servizos de vilas como Ordes, Vilalba ou Lalín viven en grande medida  da produción leiteira e da súa cadea de valor. O sector, ademais, ten o grande mérito de fixar poboación no rural e manter coidada a súa contorna ambiental. Cal non sería o abandono do noso territorio, xa notábel, sen as 9.400 explotacións lácteas que se manteñen no noso país?

O sector lácteo é un nidio exemplo de cómo un sector que para Galicia é estratéxico para o conxunto do Estado é prescindíbel. Velaí que só con mobilizacións os gandeiros conseguiran sentar negociar aos Gobernos galego e estatal. Porque até de agora a Xunta amosou un claro desleixo polo futuro do sector e por traducir a nosa potencia produtora (case a metade das explotacións no estado) en realidade industrial, despois da escandalosa fin da operación de Alimentos Lácteos, desenvolvida coa beizón de Feijóo e da Consellaría do Medio Rural.  

O sector lácteo é un nidio exemplo de cómo un sector que para Galicia é estratéxico para o conxunto do Estado é prescindíbel 

Porén, aínda fica moito partido por diante. Porque, non o esquezamos, a Madrid non lle preocupan os gandeiros, senón que Mercadona gañe cartos e venda o leite barato.