Tempos de protagonismo cidadán

As últimas eleccións locais mudaron moito o mapa electoral galego, coa queda sofrida polo bipartidismo  e máis a aparición de novos axentes políticos de base cidadá.

 

As últimas eleccións locais mudaron moito o mapa electoral galego, coa queda sofrida polo bipartidismo  e máis a aparición de novos axentes políticos de base cidadá. Axiña, pois, os distintos partidos e axentes galeguistas e progresistas plantexaron a necesidade dunha candidatura unitaria galega para as eleccións xerais deste ano.

Mais tamén xurdiron as limitacións e exclusións e mentres o BNG manifestábase a prol de que a nova candidatura non incluíse  forzas estatais, PODEMOS aprobaba nun referendo que na Galicia as súas siglas haberían ir “si ou si” e de  primeiras. Noutra circunstancia histórica estes límites e exclusións haberían ser definitivos. Mais o tempo político hoxe voa e esta análise, propria da fin de xuño, non serve xa para estas idus de agosto.

Nestas semanas foron moitos os partidos e axentes que pediron unidade sen exclusións, dende a adscrición individual das persoas, o protagonismo cidadán e a colaboración de todos os partidos

Porque nestas semanas foron moitos os partidos e axentes que pediron unidade sen exclusións, dende a adscrición individual das persoas, o protagonismo cidadán e a colaboración de todos os partidos. E dende a sociedade civil xurdiron pluralidade de iniciativas para estruturar este protagonismo cidadán. “Somos Nós” presentaba o 22 de xullo propostas programáticas a xeito de común denominador para esa unidade. Varias candidaturas locais pediron xenerosidade sen exclusións e outras unha candidatura unitaria e soberana.

Mentres iniciativas estrictamente cívicas convocaban os moi concorridos Encontro por unha marea galega e máis o Banquete de Conxo 2.0 (nomeada polo seu plenario “Iniciativa pola Unión”).

Probas todas dun pulo social que quere artellar con sentidiño esa unidade. Compatibilizando a soberanía do que resulte co deseño de pactos coas forzas estatais que mellor entendan a plurinacionalidade, a vontade cidadá de rexeneración e transparencia e a axenda social precisa para recuperarmos a inclusión e cohesión sociais.

Porque moita xente xa non quere entregarlle o voto a partidos de decisión centralizada. O que queren é protagonizar tamén  o deseño e execución das solucións dende un enfoque galego.