A trampa normativa da capacidade fiscal galega.

A Lei 22/2009, que regula o financiamento autonómico común define a “capacidade fiscal” galega, para cada exercicio, como  o produto líquido dos tributos cedidos ao noso país: i) 100% dos Impostos sobre Transmisións Parimoniais e Actos Xurídicos Documentados, Sucesións e Doazóns e Patrimonio Neto e taxa sobre o xogo (recadados directamente pola Axencia Tributaria Galega) e ii) 50% do IRPF e IVE, 58% de determinados impostos especiais-II.EE- á fabricación: cervexa, viño, bebidas destiladas, tabaco e hidrocarburos e 100% dos Impostos especiais sobre a electricidade e de matriculación de vehículos de transporte (todos estes recadados pola Axencia Tributaria Estatal-AEAT-). No 2020 a capacidade fiscal galega acadou case os 5.829 M€, só un 46,6% da recadación total na Galicia por todos os tributos estatais (case 12.000 M€), segundo debulla o economista galego Xosé Díaz no seu libro Autogoberno e sistemas de financiamento. O papel da Nación Galega (Edicións Laiovento, 2023).

Como afirma Díaz é ben chocante limitarmos normativamente a capacidade fiscal de noso a unha canastra moi limitada de impostos, na que non se insiren os Impostos de Sociedades (IS), sobre as primas de seguro e depósitos bancarios e os temporais sobre beneficios extraordinarios dos sectores bancario e enerxético. Mais a trampa faise máis evidente nun outro estudo do mesmo economista (Os resultados da liquidación do réxime común ou das “rexións” en 2022), que foi recollido recentemente nestas páxinas de Nós Diario. Por mor do efecto sede, malia só achegaren o 19,4% do PIB estatal, a Comunidade de Madrid recada case a metade dos impostos estatais (37% do IS, 51% do IVE e 84,1% dos II.EE.). O IS compútase no lugar do domicilio fiscal da compañía e as operacións de venda suxeitas ao IVE e II.EE. no mesmo lugar, que adoita ser o mesmo do domicilio social, Alcoa, Stellantis ou Ence xeran PIB dende Galicia, mais facturan dende Madrid. A capacidade fiscal de Madrid está dopada polo sistema fiscal español e Madrid mesmo usa a súa capacidade normativa para reducir a carga no IRPF para os que invistan en novas empresas sempre que teñan o seu  domicilio social en Madrid. Velaí a causa de moitas deslocalizacións a prol de Madrid da sede empresarial- que non da produción ou distribución- nos últimos tempos.

O concepto trampulleiro de “capacidade fiscal”, referido ao ingreso agrávase dende a perspectiva do gasto co de “poboación axustada”, que lle fai perder a Galicia financiamento por privilexiar factores como o da inmigración a respecto do incremento do custo efectivo dos servizos por mor do espallamento e avellentamento da nosa poboación, factores recorrentemente moi pouco ponderados.

 No 2020 o Estado completou esta trampulleira “capacidade fiscal” para garantir o  financiamento dos servizos que presta a Administración autonómica galega cuns 2.115 M€ adicionais  con cargo aos distintos Fondos do sistema de financiamento común. No politiqués de quenda a “solidariedade” española achegounos 2.115 M€ adicionais á nosa “capacidade fiscal”. Mais a recadación total no noso país por tributos estatais acadou case os 12.000 M€. É dicir, que as nosas familias  e empresas achegaron máis de 6.100 M€ adicionais ao que nos computan como “capacidade fiscal” e destes  só voltaron 2.115 M€.

Cos case 4.000 M€  que retén o Estado haberíamos pagar-certo é- os servizos que presta directamente a súa Administración no noso territorio. Se atendemos á regra do concerto vasco haberíamos liquidar un 5,2% da recadación ( é dicir uns 624 M€), pois que esa é a nosa participación no PIB estatal. Admitamos mesmo correccións e actualizacións até  unha cota de 1.000 M€/ano. Estamos logo a perder,  segundo as contas de 2020, case 3.000 M€/ano (medio billón, con “b” de burro, das vellas pesetas). Velaí o custo para Galicia de que non se lle recoñeza plena capacidade para a recadación, xestión e liquidación dos tributos estatais. De que non se nos recoñeza o mesmo sistema que xa desfrutan Euskadi e Navarra.