Florencio Delgado Gurriarán

A conmemoración das Letras Galegas permite rescatar, profundar e divulgar na figura e na obra do escritor ou escritora obxecto da homenaxe. A isto, este ano, engádeselle o valor adicional de se tratar dun autor descoñecido para moita xente. Ao que cabería incrementar o aspecto de ter desenvolvida unha máis que meritoria produción intelectual.

Así é que de Florencio Delgado Gurriarán, nado en 1903 en Córgomo, no actual concello de Vilamartín, na bisbarra de Valdeorras, realízanse, desta volta, imprescindíbeis achegas continuadoras da senda que emprendera Ricardo Gurriarán. Quer coma a de Miro Villar, dende un enfoque didáctico e sincrético, quer coma a de X. R. Pena, dende unha perspectiva sistematizadora e compiladora da produción poética. Xa sexa combinando a análise e interpretación do conxunto da obra e ofrecendo unha escolma da produción en verso. O que leva a cabo o incansábel, agudo e fecundo profesor Xesús Alonso Montero no seu libro Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na guerra, na terra e no exilio. Antoloxía poética.

O pasado ano foi, ademais, –na  sesión plenaria do 2 de xullo–, responsábel de lle propor á Real Academia Galega que este autor fose designado como a personalidade literaria a homenaxear ao longo de 2022.

Na primeira parte deste título analízase a biografía intelectual e, logo,  realízanse unha serie de incursións na obra de quen desenvolveu un protagonismo senlleiro no exilio galego mexicano.

Colaborador e membro do equipo de redacción da revista Saudade, foi o responsábel do volume vindicativo Cancioneiro da loita galega, editado polo Partido Galeguista en 1943.

A súa pegada amósase asemade en Vieiros, "Revista do Padroado da Cultura Galega do México" –institución esta da que formou parte activa–, publicación editada entre 1959 e 1968, da que –con Carlos Velo, Luís Soto e José Caridad Mateos– foi director.
Exemplo preclaro de fidelidade lingüística co noso idioma, ao longo da súa produción reflíctese o seu insubornábel compromiso co galego. Tradutor de numerosos poetas, corresponsabilizouse da obra, saída en 1949, Poesía inglesa e francesa vertida ao galego

Mais o seu labor, amais do exhibido de promotor e animador de numerosos proxectos, foino tamén de corrixir traballos alleos e de aconsellar o coidado coa lingua que se ía empregar. 

De repararmos nos poemarios editados –Bebedeira (1934), Galicia infinda (1963), Cantarenas (1981), O soño do Guieiro (1986)–, a questione della lingua é motivo recorrente na súa produción. 

Así, xa en 1931, no xornal ourensán Heraldo de Galicia, publicaba poemas de carácter sociolingüístico. E cincuenta anos despois, en 'Louvanza dos nomes enxebres', seguía denunciando a castelanización dos topónimos da súa terra valdeorresa.

Unha parte non menor da súa obra lírica encádrase no ronsel hilozoísta en voga cando empeza a publicar. Se ben, no traballo realizado polo profesor Alonso Montero exhíbese a pluralidade de rexistros dunha voz poética continuada.

Como son os poemas cívicos de denuncia da barbarie franquista, tal estes versos de 1943: "De novo os lobos da xente/ andan ceibes pola Terra,/ pero agora son máis feros,/ teñen a entraña máis preta/ e máis cubiza da sangue/ que os lobos da antiga lenda./ Vén a centos, en falanxes,/ como unha covarde grea".

Ou como o é a vertente satírica posta en práctica contra quen abandona a lingua propia ou contra aqueles membros do catolicismo que abandeiraron a represión –"Levan a Cristo por fóra", "Ía a misa de doce"–.

Outras musas significativas do poeta son tamén a festiva e a amorosa. As cales, en non poucas ocasións, aparecen vinculadas coa súa terra natal. Espazo no que por veces se dá unha fonda sensualidade nos versos.

Home ao que lle tocou padecer o desterro, onde desempeñaría un rol preeminente, no repertorio dos seus "poemas mexicanos", a 'Nenia a Tata Lázaro' é todo un recoñecemento a un presidente que acolleu tantos exiliados: "Pois que fixeches lene o noso exilio,/ pois que nos diches, na túa 'Suave Patria',/ alicerce pra os lares de arastora,/ onde amamos, vivimos e gañamos/ noso pan decotío".