Ánxela Franco, muller marcante na familia nacionalista e na sociedade

O activismo quizá sexa un dos trazos máis distintivos da súa personalidade. Participou en todo canto achaba ou se movía ao seu redor. Integrada coa veciñanza da súa parroquia, presidiu a Comisión de Festas e axudou a organizar as festas patronais durante anos. A escolarización dos seus fillos, fixérona colaborar coas actividades académicas dos centros educativos, contribuíndo nas tarefas organizativas e presidindo algunha ANPA. Profundamente ligada á terra e ao mundo rural, colaborou coa organización do monte comunal, presidiu durante moitos anos a CMVMC da parroquia de Caamaño. As súas inquietudes sociais e a convicción de que para mudar as cousas só se podía facer a través da participación política, levárona a integrarse nas filas do BNG.

Ánxela, desde moi cedo comprobou e tomou consciencia dos dous eixos sobre os que pivota o nacionalismo galego: a noción de formar parte da clase traballadora e a consciencia de pertencer a un pobo que se ve obrigado a emigrar para poder subsistir. Nunca o ocultou, dicíao moi a miúdo: son filla de labregos que tiveron que coller a maleta para poder sobrevivir.

Quen convivimos politicamente con ela, quen tivo algún tipo de relación coa súa persoa, xamais borrará da súa mente a pegada da personalidade tan extraordinaria desta grande muller

Quen a coñecemos ben, pasmounos sempre a súa vitalidade e derroche de enerxía. Ela, que traballou durante moitos anos como autónoma para La Voz de Galicia, erguíase todos os días ás 4 da mañá, mais iso non lle supoñía ningún impedimento para manter reunións de traballo político, que se alongaban a maior parte das veces até a medianoite.

Outras das virtudes que a singularizaban eran a sua afouteza e resolución para afrontar calquera conflito ou dificultade política. É ben certo que traballar ao seu carón era unha regalía, pois o que en principio podían semellar problemas complexos e irresolúbeis, con ela sempre se lle procuraba e atopaba saída para case todo; era unha destemida.

Con todo, quizá a cualidade máis notábel e apreciábel en calquera militante nacionalista do BNG é a lealdade e fidelidade á súa Organización. Neste aspecto, Ánxela Franco, era un caso exemplar. Aínda naquelas ocasións de certa conflitividade interna na Organización, por mudanzas de tácticas obrigadas polas circunstancias políticas e a pesar de non estar totalmente de acordo,  sempre fuxiu do conflito interno estéril, poñendo por diante a boa sintonía, a convivencia e sobre todo a unidade da Organización.

Quen convivimos politicamente con ela, quen tivo algún tipo de relación coa súa persoa, xamais borrará da súa mente a pegada da personalidade tan extraordinaria desta grande muller.

 

Agapito Romeiro, exconcelleiro en Noia  e responsábel comarcal do BNG de Muros-Noia

Xoán León, exconcelleiro en Porto do Son e membro do Consello ComarcalMuros-Noia.