O factor de sustentabilidade na xubilación
Seguíronlle outras normativas como a do maior copago na farmacia e nas prósteses (RD 1506/2012, de 2 novembro) ou a exclusión de coñecidos medicamentos da Seguridade Social (Resolucións de 02.08.12 e 18.02.13 da Dr. X. Saúde e Farmacia), que contribuíron a rebaixar a factura sanitaria, en prexuízo sobre todo dos menos podentes. A elas cómpre engadir o pouco investimento en persoal e en tecnoloxía de vangarda. Por exemplo, malia levar 15 anos rolando polo mundo, non hai noticia nos hospitais públicos galegos de equipos Da Vinci, referentes na cirurxía máis punteira. Tamén cómpre sinalar a escaseza de orzamentos de investigación, a masificación crónica e, derivado da pandemia, a mingua na atención primaria presencial, o maior adiamento de citas especializadas, probas de detección e intervencións cirúrxicas.
A nasa ideolóxica en que se usan os vimbios do factor leva anos tecéndose a base de fortalecer o individualismo exacerbado, esencial para a penetración do patrón liberal "cada un que se zafe", do descrédito do público e de potenciar alternativas sanitarias particulares e plans privados de pensións que nin están ao alcance da maioría nin dan a metade do que prometen. Coa tal regra de cálculo pode que medren defensores de condutas de risco, como non usar protección fronte a Covid-19, potencialmente letais para anciáns e enfermos, pois a liberdade individual non é amiga de pexas e impera a cultura da obsolescencia programada, onde desprezar o vello é virtude.
Tampouco ha faltar o egoísmo de contrapor a escasa pensión propia coa lonxevidade allea que a lastra. Co factor de sustentabilidade minguarán as pensións e a división na clase pobre gañará terreo e ben pode incorporar, como efecto secundario, perverso e latente, un ingrediente de precariedade na saúde ética e social: o desprezo á vida dos maiores e dos enfermos.