Contribución ao problema da vivenda

O 3 de xullo de 1872, Frederic Engels publicaba no xornal Volsksstaat cinco entregas do que sería máis tarde o seu propio libro: Contribución ao problema da vivenda. Esta data colócanos mesmo nos acontecementos da Comuna de París, onde os debates revolucionarios, por parte da clase traballadora, facían referencia a unha gama de problemáticas e entre elas estaba a vivenda. A especulación do solo nas grande cidades, tantas delas ficticias ou de circunstancias para albergar a centos de miles de obreiros. O que hoxe chamamos cidades dormitorio, confirma que o problema actual da vivenda non é nada novo. Nese período histórico e revolucionario do século XIX, había tres interpretacións enfrontadas sobre esta problemática, a marxista liderada por Frederic Engels, a anarquista por Proudhon e a da pequena burguesía, capitaneada polo austríaco Emil Sax. Proudhon propoñía que os obreiros inquilinos convertéranse en censatarios e que o prezo do aluguer anual servira como parte de pago do valor do hábitat e á larga o inquilino convertérase en propietario. A proposta de Sax radicaba que a economía social debía resolverse desde a economía estatal, aplicada a cuestións sociais. As teses de Engels, naturalmente, tiñan outro canle desde a observación dunha clase proletaria emancipada e libre de especulacións e de intereses emanados dunha “burguesía” amparada polo poder capitalista que hoxe serían os chamados “novos ricos” ou o degradado consorcio do pelotazo.

Engels, na súa Contribución ao problema da vivenda, resalta metodicamente un análise pragmático que el elaborou partindo de diversos espacios proletarios e de comportamentos capitalistas amparados polo Estado burgués. Así resaltou o Problema: “Un grande exército de reserva de obreiros desocupados fica na rúa, acumulando grandes masas de obreiros sen traballo; onde os traballadores amontóanse nas grandes cidades e de feito moito mais de presa do que se edifica para eles, de sorte que poden atopar arrendatarios que dispoñen de infectos cortellos e que a lei os ampara a esixir sen consideración o aluguer mais elevado”.

Engels encara o problema da vivenda como un dos elementos mais destacados da desproporcionada especulación que levou a tantos constructores a concibir vivendas en suburbios ou guetos onde a clase traballadora carecía de servizos como o transporte, o ensino e cultura, que fose capaz de integralos racionalmente nunha xusta posición que a emancipe. Se rastrexamos nos barrios que circundan unha grande cidade, os chamados cintos industriais ou se esculcamos os xornais, estaremos albiscando os problemas da vivenda do século XIX e que Engels menciona no seu libro. Todas esas referencias ilustran notablemente as circunstancias da problemática da vivenda actual. Dado que as carencias da vivenda avivan esa especulación capaz de converterse en monstro e en mafia de feroz ramificación, tan incrustada en varios ambientes políticos como podemos observar en varios concellos que teñen relación directa co tema da especulación do solo.

Sen dúbida, o problema da vivenda é un problema de Estado. Un problema que ten que ser tratado con urxencia dado que o tema de igualdade, de dereitos individuais e de xustiza social fica completamente maquillada para ser esquecido. O Estado sabe moi ben que a especulación e as mafias sobre o solo semellan a un polbo cuxos tentáculos e ventosas teñen un poder asoballador no círculo en que predomina. Como dicía Lumumba: “Ao polbo opresivo hai que descabezalo”.