A tradición poética luguesa

Lugo é unha cidade avantaxada nas referencias que fixeron dela os poetas. Sobre todo os que naceron nela. Fundamental para entender a nosa cidade poética, tal como a entendeu o saudoso Darío Xohán Cabana, que propiciou unha publicación protagonizada polo Concello de Lugo, co título: “Poetas en Lugo”. Esta distinguida publicación bilingüe, na que se traducen poemas do galego para o castelán e viceversa. Resúltanos un inventario lírico que vai desde Afonso X O Sabio, século XIII, até Lupe Bao, século XX. Setecentos anos de fecunda expresión, tendo a Lugo como punto de mira. Porque os poetas referencian as singulares formatos que os poetas captaron do espazoso círculo amurallado e e tamén de extra muros.

Velaí unha maneira de entender unha cidade tan particular como é Lugo desde a inversión poética que seus creadores forneceron. Como ben di Darío Xohán Cabana, de que Lugo “é unha cidade á medida do corazón”. Un corazón que latexa dentro da muralla, como marco de múltiples aconteceres memoriais e de nobres referencias que dan pulo a un grato espazo que exhibe a súa historia dentro dese perímetro de pedra harmónica. A pedra de Lugo fala e fai falar ás demais cousas que Lugo ten. Os poetas falan coa pedra nunha rica linguaxe; os poetas son seres capaces de escudriñar e inventariar destaques que os demais non chegamos a detectar.

Neste repertorio poético a sensibilidade dos poetas buscaron esa metafísica que Lugo ten, e Lugo dá. Cando un camiña polas súas  rúas, parece que a evocadora poesía que estes poetas lle devolven agradecidos á pedra que fala. Coido que non é necesario acudir a unha guía calquera para descubrir Lugo. Os poetas magnifican sorprendentes descubertas e converten a este poemario na guía espléndida onde podemos captar sorpresas e vencellos, dos que naceron e viviron en Lugo, como os que viviron e os que pasaron por el. Estes poetas deixan constancia da sorpresa e do impacto que causa esta cidade cando é observado co espírito sensíbel e non só coas retinas.

Poemas ou florilexio para memorizar a utilidade das cousas que Lugo nos ofrenda. Hai poucas cidades que teñan a maxia de Lugo e o encanto tan emancipador. E isto o percibiu o trobador Fernando Esquío nas súas ansias de ir de Santiago a Lugo, procurando  amores. Ou a poética do poeta natural de Lugo, Luís Pimentel, que nos ilustra coa cidade na palma da mao; seu Olimpo, seu templo órfico que nos descubre as identidades de Lugo.

Outro poeta de Lugo, como Ánxel Johán, proclamou a unha cidade presentida nesa elaborada forza de revelar a vitalidade desas formas de beleza nunca interrompidas nin afastadas. Saliéntannos, tamén, as virtudes dun poeta, D. Ánxel Fole, que nunca escribiu poesía,  mais nun curiosísimo romance que nos concede radical descuberta e alento para comprender a historia de Lugo desde outras didácticas parsimonias.

Qué terá Lugo para que os poetas exclamen?: “Quero ir a Lugo”, como dixo Celso Emilio Ferreiro, para ver e sentir o qué? Lorenzo Varela destaca varios puntos emblemáticos da cidade, a catedral, a Porta de Santiago, a Alameda e a fonte de Ferro. Tamén o poeta da Terra Cha, Manuel María, mantén unha continua invocación a diversos espazos de Lugo. Manuel María fixo vida xuvenil nos rentes da muralla, Lugo para el é unha ofrenda de coñecemento; algo iniciático, como entrar e saír por esas portas abovedadas da muralla, ou contemplar o manso río Miño que fai inmensa curvatura como ofrenda a esta terra do deus Lug.

Uxío Novoneyra foi un dos poetas que mellor visualizou a Lugo e, tamén, escoitou e meditou aquel piar dun teimoso moucho que moraba na Alameda. A muralla é un referente ben privilexiado na poesía de Novoneyra. Nun dos seus poemas menciona o camiño de peregrinaxe: “Ir a Santiago de Compostela/ non sin antes por Lugo pasar/ ou sin logo por Lugo tornar”. As experiencias son múltiples neste libro, tomando a Lugo como elemento integrador nese doce latexo que nos conmove.

Que diremos doutras xeracións posteriores aos citados, Otero Canto, Isidro Novo, Xoán Neira, Rodríguez Fer, Rodríguez Barrio, o propio Xohán Darío Cabana e tantos outros  que pulsan eminente pluralidade, sen excesos no que xermola, gurgulla e resplandece nesa coroa poética que circunda a Lugo.