Os versos funerarios de Francisco Añón

Neste noso país dos mortos –como lle chamaban os celtas irlandeses a Galiza, no período mítico das Cochanladas– absórbennos as antigas tradicións xeradas nun ilimitado espazo dedicado á morte, como son os cemiterios. Sobre eles tense escrito moito, desde o punto de vista antropolóxico, etnolóxico, arquitectónico e relixioso. Mito e tabú ben encerellados naqueles contos orais de lareira sobre mortos e cemiterios, que facían tremer aos máis insensíbel en asuntos fúnebres e arrepiar ao mais incrédulo. Aqueles contos e fabulación tiñan todos eles unha potencialidade popular nesa autodisposición de venerar, honrar e darlles un apousento sacralizado aos defuntos, alén das realidades e premeditacións en uso.

Francisco Añón Paz (1812-1878) recolle do seu Boel natal aquela robusta tradición tan extensíbel á serra de Outes como ao resto de Galiza, sobre tradicións e prácticas que se facían no contorno dos cemiterios, que el recolleu en moitos dos seus poemas. Añón,  transfírenos unha idea tácita sobre o costumeiro popular galego, no seu poema titulado: "Alma en pena", que en moitas publicacións dispersas titulouno "A Pantasma". Trátase dun poema de setenta e dous versos que verifica o achego á morte naquelas noites medorentas, onde todo ten unha carga de misterio pagán que parcela varios referentes míticos e que convive con aquel convencionalismo fúnebre e sacralizado en diversas variantes. Este poema de Francisco Añón naceu como a rosa que florece e perfuma todo un amplo espazo funerario. O diálogo taciturno entre a alma en pena e o teimudo visitante de cemiterios, lévanos a aquela Galiza do século XIX, incluso de todo o XX, preocupada en ordenar, desde a súa vida tráxica e conmovida, un sitial para unha alma en pena, que ben puidera ser a dun ser amado.

Na poesía de Añón atopamos varios temas sobre a cultura popular dos cemiterios que non deixa de ter unha vertente cara o lado folclórico. Por unha banda revela todas esas prácticas e conceptos que se tiñan dos cemiterios e daquel universo de ultratumba, por outro, tratou de desmitificar a esas graciosas  xenreiras cargadas dunha terríbel e desoladora orfandade que producía terro esa morte descarnada daqueles contos de lareira  sobre a morte. Neste sentido, Celso Emilio Ferreiro, en seu Cemiterio Privado, foi un continuador de Añón. Aínda que neste libro anotamos dúas influencias: a do poeta de Boel, no que se refire á temática, e á sátira con que Nicolás Guillén tratou a varios persoeiros no seu libro Sátira política. Francisco Añón foi un poeta introducido nas tradicións populares ao que hai que regresar e descubrilo para ter unha idea ampla de todo aquelo do que lexitimo daqueles ámbitos populares da Galiza do século XIX.