Volver a Outeiro de Rei

Ir a Outeiro de Rei, no día de hoxe e mes, convocados pola Irmandade Manuel María, co fin de lembrar e homenaxear ao fértil poeta da Terra Cha, na data do seu pasamento, 8 de setembro de 2004. Fixo onte 13 anos que se inauguraba a Casa Museo, na mesmísima casa de Hortas, onde naceu o noso poeta. Datas que nos obrigan a retomar ese ir indo iniciático cara Penas de Rodas, espazo onde se elevan eses redondos monumentos líticos, residencia antiga de mitos e paraíso de cerimonias druídicas: exaltación do misterio das pedras, que deben ser observadas e aínda veneradas nos vértices do tempo pasado que nos ubica no herdo dos herdos, como deixou dito Manuel María. Así podemos comprender que os amantes da poesía regresamos cada ano a homenaxear ao poeta da Terra Cha e da Galiza. Mesmo no beiral deses catro rochedos que confiren memoria e manifestan o berro seco que constrúe materia poética. E un volta a ler versos que non fican conxelados, porque a poesía exalta todo aquilo que non perdura na friaxe do silencio.

No cemiterio de Outeiro, evocaremos a palabra inmorredoira de Manuel. No campo de Santa Isabel -este ano- entrégase a navalla de Manuel María a unha persoa íntima, na amizade e na admiración mutua que perpetuaron Manuel e Luís Fernandez Guitián, o actual alcalde de Sober. O fervor íntimo de Guitián, polo amigo e a obra do poeta da Terra Cha, tamén, da Ribeira Sacra, o verificamos en varios parámetros de lealdade. O Luís mercou a casa de Manuel e Saleta que tiñan en Monforte, non porque a necesitara, coido que foi por sentimento á persoa e ao legado literario de Manuel e a tantas lembranzas e saudades que recompoñen memorando. O segundo acto presencial de Luís F. Guitián é o que cada ano congratula ao convivio de entrega da Navalla de Manuel, co seu viño do Cachón, que produce nos rentes do río Sil, en Amandi. Viño que aleda o corazón do home, como salienta o salmista.

Manuel encargou a Luís Fernández Guitián, director da Banda de Música de Sober, solemnizar o seu enterro, co himno do “Antigo Reino de Galicia”, neses sons tan reiterativos dos que gustaba o poeta. Pois así cumpriuse o seu desexo fúnebre, desde o campo de Santa Isabel até o cemiterio de Outeiro, aquel 9 de setembro de 2004, fai mañá vinte anos. Memorizamos, tamén, o 10 de setembro de 2022, data do pasamento da súa dona, Saleta Goi, de tantas benquerenzas expresadas na poesía de Manuel María.