O Xesús de José Antonio Pagola (e II)

Na anterior columna salientamos varias transcendencias esclarecidas por Pagola, no que atinxe á vida, ás prédicas e transhumancias de Xesús pola Palestina do seu tempo. Fronte á impetuosidade omnímoda da satrapía imperial romana que estragou todos os canles de instigación e de revolta que os simples utilizaron contra a maquinaria opresora de Roma que aniquilaba o menor balbúceo conspirativo. Mais a incursión de Xesús no cotián da vida pública, baixo o manto relixioso mosaico, foi o inicio dese incomparábel movemento que coñecemos co nome de cristianismo. En todas esas achegas vivenciais dese movemento universal, hai algo importante e innegábel como eran as virtudes de irmandade nas clases máis castigadas polos oprobios das castas dominantes. Aquela irmandade de crentes, chamémoslle “nacionalismo incipiente”, como concepto de proximidade a aquel movemento de lexíbel comparativa do que intenta protexer o nacionalismo de todos os tempos, con todas as distancias posíbeis que nos separan daquel movemento localizado na predica de Xesús de Nazaret. Aínda aquel ultra nacionalista que hospedou tempestades daquel rudo e violento apóstolo Pedro, que era o único que levaba espada, coa que lle cortou a orella a Malco e o que se enfrontou aos que apresaron a Xesús. Tamén, en menor medida, e digno de estudo o nacionalismo mais moderado de Xudas Iscariote, pese ás confabulacións detectábeis por temas dialécticos, que ían alén da conxura e de extremos monetarios.

Daquela opresión xurdiu aquel entusiasmo salvífico de unión que proporcionou un liderato insurxente. Pois, o liderato de Xesús naquel incipiente e crecente escenario “nacionalista” -chamémoslle así-, o que foi capaz de concentrar a todos aqueles que estaban destinados a vivir en inferioridade e na indiferencia dos que ocupaban o poder imperial e farisaico nos diversos eslavóns desa poderosa cadea opresiva da que nos fala José Antonio Pagola, referíndose ás dobres opresións que tiñan as mulleres baixo as leis relixiosas establecidas por Moisés e outros como eran os escravos, tan programados e sostidos no ámbito lexislativo relixioso. Exemplaricemos este contexto co encontro de Xesús coa muller samaritana, no pozo de Sicar, en Samaria, un espléndido relato do Evanxeo de San Xoán 4, 1-42. Xesús que era xudeu pídelle auga a samaritana, esta fica sorprendida que un xudeu lle pida auga, dado que os samaritanos eran considerados unha sociedade inferior e desprezada polos propios xudeus. Xesús mantén unha longa conversa na que promove unha emancipación de igualdade e liberdade.

Pagola dispuxo dun longo capítulo, titulado: “Amigo de la mujer”, no que fai varias incursións na sociedade xudía, concretando achegas a esa relación extensiva na que moitas daquelas mulleres eran súas discípulas e, con enorme poder de dicisión, como era o caso de María Magdalena. Moitas daquelas mulleres que o seguían estaban incorporadas á predica da boa nova que tiñan unha connotación liberadora e protagonizaban unha actitude ambiciosa de gran calado rupturista. Neste escenario, cando os fariseos preséntanlle a Xesús unha muller adúltera para que a condenara, por ser transgresora da Lei de Moisés, para dilapidala. Xesús foi incisivo: “O que estea libre de pecado tírelle a primeira pedra”. Distínguense outros exemplos na obstinada prédica de integración e liberdade feminista, no dicir de Xesús: “¡Muller, a túa fe é ben grande: fágase, logo, a túa vontade como desexas!” Nesta dirección, as investigacións de Pagola suscitan un enorme interese sobre o posicionamento de Xesús fronte a dominación masculina fronte a muller, que compre asimilar esas virtudes liberadoras do humanismo de Xesús, capaz de transformar actitudes e manter unha autodisposición para crear un mundo novo, igualitario e humanista.

Todas esas experiencias transformadoras que aparecen na prédica de Xesús e no proceso de cambio daqueles ambientes tan cercados por tabús, frívolos escurantismos e ditames de opresión aparece ese movemento “nacionalista”, especialmente renovador que intentaba mudar aquel exclusivismo opresor que predominaba en Palestina. Basta con achegarse a ese renovo programático das benaventuranzas do Sermón do Monte, onde aquel xentío agraviado polo poder imperial e relixioso, ficaba atónito ao oír esta especial encomenda de amor e sosego: “Pero a vós, que me escoitades, dígovos: Amade ós vosos inimigos, facédelles ben aos que vos odian, bendicide ós que vos maldín e rogade polos que vos calumnian; o que che zoupe nunha meixela, preséntalle a outra; e o que che leve o manto, non lle prives de levar a túnica”. (Lucas 6, 27-29). Aquelas ovellas sen pastor, atopan nas palabras de Xesús esa carga emocional; ese respiro contaxioso de realizar sumandos e multiplicacións ao redor dese proxecto e integrarse a esa compostura radical de abordaxe humanista, que aínda descoloca hoxe a preclaras criaturas: esas resplandecentes “dignidades” e potestades, tan aferradas a soster tanta beatería prostrada e deformada ante un Xesús descodificado do seu propio contexto e valor da súa orixinal prédica. Boa parte desas altas “dignidades” son as que procuraron enmudecer este fiel testemuño redactado por José Antonio Pagola. Este enorme contributo que axuda a esclarecer as ambicións dos ricos e a castración dos traballadores. Así como a normalización de igualdade entre mulleres e homes. Un Xesús necesario para estes tempos inseguros, para impulsar a paz e a igualdade do ser humano.