A autodeterminación sempre é unilateral

Cayo Lara di que IU defende o direito de autodeterminación do pobo catalán, mais ao tempo se opón a que as catalás e os cataláns decidan "unilateralmente" que queren facer co seu futuro

 

Cayo Lara di que IU defende o direito de autodeterminación do pobo catalán, mais ao tempo se opón a que as catalás e os cataláns decidan "unilateralmente" que queren facer co seu futuro. Isto é unha contradictio in terminis. A autodeterminación é sempre unilateral. É o direito inalienábel dun pobo a decidir que forma política se outorga para se auto-organizar. O exercicio dese direito pode resultar ou non na independencia (unha nación pode autodeterminarse para logo confederarse con outras). O que é indubidábel é que sempre é un exercicio unilateral.

Argumenta Cayo Lara que a independencia de Catalunya sería má para España. Habería que perguntarse para que España. Para que proxecto español. Para que clases sociais concretas. Que intereses está a defender aquí o señor Lara? En que se diferencian dos que defenden os señores Rajoy e Rubalcaba, que tamén asinarían tranquilamente a frase de que a independencia de Catalunya sería má para España?

Argumenta Cayo Lara que a independencia de Catalunya sería má para España. Habería que perguntarse para que España. Para que proxecto español. Para que clases sociais concretas

Estamos en 2013, non no século XIX nen durante a II República, nen durante os primeiros anos da restauración juancarlista. "Non imos defender nunca o troceo do Estado", afirma Lara. Esta manifestación parte dunha ideoloxía puramente idealista, aquela que considera España como unha realidade boa de por si (non continxente, senón necesaria) e inmutábel. Por que é mellor que na Península existan só dous Estados e non tres, ou catro, ou cinco? Lara, na tradición do PCE, sitúase no pensamento de Ortega y Gasset. Hai que conlevar o problema catalán, xa que non é resolúbel. Lara utiliza o termo conviver. Mais acaso non é posíbel a convivencia das nacións desde cadanseu Estado propio?

"Non hai decisións unilaterais que se podan tomar por parte de ninguén". Di Cayo Lara. Equivócase profundamente. Escocia está a piques de tomar unha decisión unilateral. Xa o fixo no seu día o Québec. Fixérono tamén Croacia, Eslovenia, Chequia...

España non é eterna, señor Lara. Niso vosté confúndese tanto como os señores Rajoy e Rubalcaba.