Dietario de campaña: Cañete again, Maragall e Mujica

18 de maio. 9.15 h. Antes de almorzar. Vexo a imprensa española na rede.

 

18 de maio. 9.15 h.

Antes de almorzar. Vexo a imprensa española na rede. El País especula con que o exabrupto machista de Cañete poda acabar dando a vitoria aos pontos ao PSOE. Non hai debate sobre as políticas que se nos aplican/e que se nos aplicarán, gañaren os conservadores ou os social-liberais. Non o hai porque non pode habelo entre dúas correntes do mesmo partido, o European Business Party, diríamos parafraseando a Chomsky.

18 de maio. 9.30 h

Sostenella e no emendalla foi sempre palabra de orde da dereita española. Rajoy teima en que Cañete é o mellor candidato nestas europeas. Realmente é unha tautoloxía que o líder dun partido diga que o seu candidato é o mellor. Mais Rajoy leva toda a súa vida facturando tautoloxías detrás da pantalla de plasma. E talvez non lle vaia mal de todo, porque, e isto acho que é importante, irrita menos que Aznar, e como irrita menos que Aznar, mobiliza tamén menos as mesnadas inimigas.

18 de maio. 9.45 h

Detéñome na leitura do último título que coloca a factoría de propaganda feixoniana. Pide o voto para que non cheguen a Europa os amigos de Bildu e os que disque son ambiguos con Resistencia Galega. Este é Feijóo en estado puro. Non pide o voto para facer nada, porque nada fai. Pide o voto para que non se levante nada distinto. Reparen en que Feijóo -tampouco Rajoy- non defende este Europa, nen nengunha Europa, porque son perfeitamente conscientes de que esta Europa non é que non mobilice os seus -González Pons dixit- é que non dá un só voto. Unha cousa é que no EE non teña aparecido aínda ningún partido fascista abertamente anti-UE e outra moi distinta é que haxa entusiasmo pro-Bruxelas na direita española. Así que non falemos de UE e vaiamos a contar mentiras. Sabe perfeitamente Feijóo que o nacionalismo galego sempre foi contrario á violencia, sempre foi un movimento pacifista. Contrario á violencia aquí, no EE e tamén no planeta. Non pode dicer o mesmo un partido fundado por un ministro de Franco que nunca abxurou da ditadura, un partido que embarcou o EE nunha guerra criminal e ilegal contra un pobo indefenso.

18 de maio. 16.50 h

Pasqual Maragall no mitin central de ERC!!! Normal, o PSC xa non existe, é o PSOE en Catalunya, e os sectores patrióticos -que existían- na formación socialdemócrata non teñen outro espazo posíbel que o de Esquerra. O traballo nese sentido de Oriol Junqueras -un tipo que hai 2 anos nen sequer militaba en ERC!!- é absolutamente admirábel, pola súa capacidade de integración e de erguemento de pontes entre os distintos.

18 de maio. 22.20 h

Mujica na tele. #Unpresidentediferente rula como hashtag. Se o compararmos con Rajoy ou Feijóo, non é que sexa diferente, é que está noutra galaxia. Profesa un socialismo pragmático e até pactista, mas non é un social-liberal: acredita no sector público non como acompañante na economía, senón como director de escena. E o mellor é que Mujica non é só Mujica, hai detrás unha organización potente, moitos anos de militancia e de loita anti-fascista. Ese é o camiño, non o mesianismo.