Dietario de campaña: debater sen Os Pobos Deciden

Estaba cantado. O debate das forzas políticas galegas na TVG sáldase cunha audiencia paupérrima

 

19 de maio. 12 h

Estaba cantado. O debate das forzas políticas galegas na TVG sáldase cunha audiencia paupérrima: o 1% de share, 11 mil persoas. Estaba cantado desde o momento en que a dirección da CRTVG optou por o colocar na G2. Os dados non collen por sorpresa a ninguén no complexo de Monte Pío. O guión cúmprese escrupulosamente. Xa non é arrefecer a campaña, é directamente conxelala.

19 de maio. 20.50 h

Leo a nota embargada do mítin do BNG en Ferrol. Ana Miranda pide o "voto obreiro" para o Bloque. O BNG combina mensaxes nacionalistas e de esquerda, sen solución de continuidade, exactamente o mesmo que fai EH Bildu en Euskal Herria ou ERC en Catalunya. AGE, en troca, continúa co monólogo esquerdista, basicamente redixido por IU. O alto mando de IU en Madrid, que é quen dirixe a campaña en todo o territorio do Estado, considera que na Galiza neste momento o caladoiro de votos máis asequíbel non está tanto no BNG -que, inquéritos cantan, está a rearmar o seu eleitorado-, senón no PSOE, que continúa a ceder espazo embora os esforzos de Cañete por habilitar a Valenciano como referente progre. Aliás, IU ten unha preocupación básica, a emerxencia doutra sigla que se reclama do rupturismo, Podemos, unha candidatura suspeitosamente simpática para os mass media, e até aquí podo ler. Quen sofre cos argumentarios enviados desde Madrid é a alma nacionalista de Anova, que, tal e como están as cousas, está máis centrada en preparar a próxima asemblea nacional do que na campaña.

19 de maio. 22.45 h

Novo debate eleitoral na TVE e nova exclusión de Os Pobos Deciden, a coligación de BNG e EH Bildu. A democracia formal é asaz informal no Estado español. Os Pobos Deciden representan unha rara avis no Estado español e, portanto, que aparezan en pantalla é garantía de respeito do pluralismo, da existencia dun pensamento distinto. É rara avis porque, alén de ser soberanista, Os Pobos Deciden é unha emenda á totalidade ao actual edificio europeu. E iso converte esta coligación en algo que ten bastante aspecto de ser incómoda non só en Bruxelas, senón tamén en Madrid.

Dos debatentes optaría, sen dubida, por Josep Maria Terricabras, típico representante da pequena burguesía intelectual soberanista de Catalunya. Culto, ocorrente, suave nas formas, e con discurso. Puxo o dedo na chaga cando dixo que a austeridade é unha mascarada e que o que agacha é o xigantesco crecimento da débeda pública, o grande negocio da banca privada.