Dietario de campaña: G. Pons e o malditismo do Benfica

1.-González Pons, hierático, na TVE, nunha desas entrevistas de plató a plató, vía pantalla plasma.


Sétimo dia

14 de maio. 9.45 h

1.-González Pons, hierático, na TVE, nunha desas entrevistas de plató a plató, vía pantalla plasma. Houbo un tempo en que se nos vendeu a GP como un tipo progre, mesmo máis progre que Gallardón no tempo en que Gallardón era o rapaz de Prisa no PP. Agora, xa sabemos en que deu Gallardón e sabemos tamén que dá GP. Un político con labia, si, mas absolutamente conservador. Ou máis que conservador, reaccionario. Si, o matiz ten a súa importancia. O conservador aceita o statu quo. O reaccionario, non, o reaccionario quer retrotraer a historia. O PP é hoxe un partido reaccionario, co que deixa o espazo do conservadurismo a Rubalcaba e a Valenciano.

González Pons, displicente, deixa entrever sibilinamente que talvez o PSOE pedise o aprazamento do debate bipartidista non por solidariedade co PP -atinxido polo loito de León-, senón por interese da súa candidata, que precisaría máis tempo para preparar o debate con Cañete.

14 de maio. 10.20 h.

2-.Conducindo, cara á estación dos camiños de ferro da Coruña. Un arreguizo percórreme o espiñazo. Acabo de ver o inenarrábel valado do PP. Un Cañete como debuxado a carbonciño e absolutamente acartonado, enchoupado -máis que enchoupado, afogado- nunha cor azul entre visguenta e apagada. Que queren comunicar con isto? Vaiamos ao subsconciente de Arriola. Fagamos a pior campaña da historia, así entenderá o público que non nola tomamos a serio. E se non nola tomamos nós, por que a ían tomar eles??

14 de maio. 12.40 h

3.-Chega a noticia de que UPyD, após perder na Galiza, irá á xustiza española para que se exclúa o BNG da cobertura informativa de campaña nos meios públicos galegos. Si, leron ben. UPyD, planta que non deu prendido nas leiras do país, e que en 2009 tivo arredor de 15 mil votos, quer desprazar o BNG da grella da televisión que eles, si puideran, fecharían.

A campaña de UPyD na Galiza é esta: oficiar de brazo político do ultra-españolismo. Téñeno difícil, despois de Feijóo se ter desfeito virtualmente da ala country do seu partido. O eleitorado da dereita española en Galiza non acaba de ver claro que mercadoría distinta oferece UPyD (si, xa sei que o eleitorado da dereita española en Galiza non está tan exposto a Pedro J. Ramírez e os seus descendentes como o eleitorado da dereita española na meseta).

14 de Maio. 23.30 h

4.-O futebol acode ao resgate. Unha final da Europe League consome ben máis de 2 horas do prime time radiofónico. A campaña -non só a campaña, os espazos informativos nocturnos- desaparece: Europa ao final é unha bola, que se resiste a entrar na baliza. Alén do mais, o Benfica continua o seu camiño pola saudade sebastianista do paraíso perdido, ancorado no malditismo dos penaltis. Até eu proprio, vendo a tanda dos penaltis, desligo por un momento da contenda eleitoral.