Dietario de campaña (III)

1.-Chámanlles cortes de voz a eses fragmentos que ouvimos/escoitamos nas radios

 

10 de Maio 14:48 h

1.-Chámanlles cortes de voz a eses fragmentos que ouvimos/escoitamos nas radios, tantas veces prefabricados, ouzo dous consecutivamente, Rubalcaba e Cañete, a diceren o mesmo, que PP e PSOE non son o mesmo, se realmente non son o mesmo, por que coinciden xusto hoxe en diceren que non o son? E por que votaron tantas cousas conxuntamente na pasada lexislatura en Bruxelas/Estrasburgo? E por que reformaron de forma express a Constitución española para a aquelar aos diktats de Merkel?

Rosa Díez é unha profesional da política en sentido estrito, oportunismo lerrouxista posmoderno.

2.-A friki política é UpyD. A friki política é españolismo puro. Rosa Díez é españolismo e veneno puro. Mas non é unha recén chegada ao star system político. É unha profesional da política en sentido estrito, oportunismo lerrouxista posmoderno. Por esa boca pola que deita cianuro contra os nacionalismos falaba sen complexos cando partillaba goberno co PNV en Euskadi.

Agora UPyD coloca no albo o Bloque. Non o quere en campaña na televisión e na radio que pagamos @s galeg@s cos nosos impostos. O españolismo é así, irracional e anti-democrático, non tolera a diferenza, odia o outro. E moito máis se a outra e o outro somos nós, galegas e galegos.

11 de Maio. 1:52 h

3.-Fervía o twitter con Eurovisión. Europa é isto? A colonización de tod@s polo inglés como idioma franco nun concurso televisivo? Paradoxo: a colonización de case tod@s [agás Franza, oh la grandeur!] polo inglés, a lingua do Estado máis euroescéptico, ese Reino Unido que pode dar a vitoria o 25-M a un partido que propugna a saída da UE.

Como estamos de euroescepticismo na Galiza ou no Estado español? Os inquéritos cantan que a reputación da UE está baixo mínimos. Daí que nen PP nen PSOE ergan a voz en defesa de Merkel ou Hollande ou a Troika. Son vergonzantemente, clandestinamente, pro-UE: lévano o máis agachado posíbel.