Dietario de campaña (V)
1.-Almorzando. Vexo un chío. Rubalcaba a facer de Rubalcaba.
12 de Maio 9.15 h
1.-Almorzando. Vexo un chío. Rubalcaba a facer de Rubalcaba. Rubalcaba a cumprir o trámite de desmentir ao Boss. "Non vexo agora a grande coligación", di en Onda Cero. Podería dicer outra cousa en plena campaña? Obviamente non. Rubalcaba será o que sexa, mas non é un suicida. Deixa outra pérola: "Mentres eu ser o secretario xeral do partido, non haberá grande coligación".
Diso podemos inferir:
a) Rubalcaba non pensa concorrer á reelección.
b) Rubalcaba emula a Rajoy, autor da lendaria frase de que o Estado Español (EE) manterá a unidade mentres el ser o presidente do goberno.
Ao final, os dous R é o que teñen: non se explican o un sen o outro.
12 de Maio. 9.45 h
2.-Conducindo. Vexo as bandeirolas do PP. Nengún nome. Nengún lema. Nengunha face, nen as rufas e cárnicas faccións de Cañete. Arriola, o estratega chefe, debe crer que o desgaste da marca é menor que o desgaste daqueles -das políticas e dos políticos- que a encarnan.
Será curioso ver debater a Valenciano con alguén, Cañete, que sobre o asunto da grande coligación ten o mesmo ponto de vista que un dos seus heroes
O PP apela a certo patriotismo de partido, ao forofismo da freguesía que, con independencia de se simpatizan ou non co treinador ou coas fichaxes, torcen sempre pola súa equipa.
[By the way, o BNG tamén bota man da fraseoloxía futbolística cando se autodefine como "a equipa de casa"].
12 de Maio, algo máis tarde das 17 h.
3.- Non dou lembrado o momento en que recibo a noticia, brutal, do asasinato da presidenta da Deputación de León. Un faise detective/xornalista de investigación nun momento e a mente comeza a barallar todas as hipóteses. Conforme se van coñecendo os dados, medra a estupefacción.
Os partidos suspenden os actos de campaña. Ritual inevitábel? Nunca tiven nada claro que esa fose a mellor cousa a facer en situacións tan dramáticas.
Vence fai unha observación razoável a respeito do clima de violencia "larvado" que se vive nas nosas sociedades e relaciónao cos "problemas sociais". Un tertuliano fachendea de que estas cousas felizmente son moi estrañas no EE. Ben, até agora puido ser así, mas o futuro non está predeterminado e as sociedades violentas -o paradigma é a norteamericana- sono por algo, non por maldicións bíblicas. Tema para reflectir.
12 de maio, 23 h
4.-Din na SER que o PP suspende os actos tamén desta terza feira, mas en principio non o debate con Valenciano. Será curioso ver debater a Valenciano con alguén, Cañete, que sobre o asunto da grande coligación ten o mesmo ponto de vista que un dos seus heroes, o Felipe González a quen a candidata do PSOE comparou con Cristo e Ernesto Guevara de la Serna (sic).