España non dá máis de si

Deixemos de lado por imposíbeis a PP-PSOE e a súa excrecencia UPyD


Deixemos de lado por imposíbeis a PP-PSOE e a súa excrecencia UPyD e examinemos o posicionamento da sedicente esquerda real española, a cualificada por Beiras como rupturista, en relación á cuestión nacional.

Hai esperanza por ese lado? Se xulgamos polo debate habido esta terza feira no Congreso, máis ben non. Joan Coscubiela -portavoz do grupo parlamentar Izquierda Plural, hexemonizado por IU- fixo a consabida defensa retórica do direito de autodeterminación -evocando a que facía o PSOE, mesmo con Felipe González, nos primeiros anos 70-, edulcorada baixo o eufemismo do direito a decidir. Mais a teoría compadécese mal coa praxe: IU dinos que dereito de autodeterminación, si, mais hipótese de independencia e declaración dun Estado propio, como resultado do exercicio de aquel, non.

En realidade, a posición responde á vella tradición do PCE. Nada novo baixo o sol. O direito de autodeterminación concibido como un fetiche, como unha fantasmagoría. O exercicio deste direito "debe ser froito dun proceso pactado a nível de todo o Estado", veu dicer Coscubiela. Isto significa que a nación negada, a nación oprimida, debe pactar a súa emancipación co suxeito político que lle nega a soberanía -o pobo español, único titular da soberanía segundo a Constitución fundada entre outros polo PCE. Para entendernos, é como se o proletariado tivese que pactar o socialismo co capital.

Como sabía Castelao, España é basicamente unha estrutura imperialista. Hoxe é unha evidencia que non dá máis de si. Nen á dereita nen á esquerda.