Lois Obelleiro

Tiven a sorte de coñecer e tratar durante anos Lois Obelleiro. Tïñalle moita lei. Era un grande home. Era un grande conversador. Era un tipo afábel, facía que sempre te sentises cómodo ao seu carón. Era un home culto.Tiña sentido do humor. Queríalle moito ao noso país. Sempre tiña o noso país como obxecto dos seus quefaceres.

 

Lois Obelleiro era un experimentado cadro do nacionalismo e das persoas máis formadas que coñecín na miña vida, mais non tiña ningunha afectación, ningunha arrogancia, nunca ollaba ninguén por cima do ombro. Como se di en Melide, nunca botaba soberbias pola boca. Sempre aprendías cousas cabo del. 

 

Era o que ten que ser un militante político, porque Lois Obelleiro era iso, un militante político. Unha persoa con moi fortes conviccións, mais coas virtudes precisas -bonhomía, amor pola xente, paciencia, humildade- para ir seducindo aquelas persoas que aínda non estaban convencidas de que os seus ideais -o nacionalismo, o marxismo- eran os mellores guieiros para a Galiza progresar, para a nosa vida ir a a mellor.

 

Lois Obelleiro era un experimentado cadro do nacionalismo e das persoas máis formadas que coñecín na miña vida, mais non tiña ningunha afectación, ningunha arrogancia, nunca ollaba ninguén por cima do ombro

 

Cando enfermou, continuou a ser plenamente el, continuou a ser Lois Obelleiro, non se dobrou, e ben sabemos todas que iso non é nada doado. A súa perda abriu un oco enorme -imposíbel de preencher- no corazón de todas as persoas que o tratamos.

 

Este sábado organízase un acto para lle render tributo á súa memoria. 10 anos despois do seu pasamento faríamos ben, hoxe e sempre, en tentar estar á súa altura.