Xunta de portavoces: PP e PSOE foron PPSOE

PP e PSOE vetan na Cámara galega a comisión de investigación sobre a traxedia de Angrois que demandaban BNG e AGE

 

PP e PSOE vetan na Cámara galega a comisión de investigación sobre a traxedia de Angrois que demandaban BNG e AGE. Normal. PP e PSOE son os esteos políticos do Estado español. Son o bipartidismo. E o Estado español é o responsábel, en termos políticos, mais tamén materiais, do sinistro que ceifou a vida a 79 persoas, a máis grave das catástrofes terrestres sufridas polo noso país na súa historia moderna.

PP e PSOE van da man neste asunto e tápanse as miserias, as vergoñas, respectivas. Non queren que se investigue porque teñen moito que agachar. O PP ten de explicar por que decidiu, co inefábel Álvarez Cascos en Fomento, manter a curva de A Grandeira no trazado da suposta alta velocidade Santiago-Ourense. O PSOE ten de explicar por que decidiu, co no menos inefábel José Blanco en Fomento, non dotar a letal curva co sistema ERTMS, o mesmiño que si está operativo nas cercanías ferroviarias próximas á capital do Estado e mesmo en algunhas liñas do metro matritense.

Non queren que se investigue porque teñen moito que agachar

En termos penais, o xuíz Aláez teno claro: existen serios indicios de imprudencia puníbel por parte do Estado (por parte da empresa ADIF) que non adoptou, cando perfeitamente o podía ter feito, medidas de seguranza que poderían ter vido a evitar a traxedia.

En termos políticos, non hai voltas que darlle: existen responsabilidades dos distintos gobernos españois que teñen aplicado políticas negativamente discriminatorias aos camiños de ferro galegos. En todo caso, e na perspectiva do bipartidismo español, xa non se trata tan só de defender a Cascos ou a Blanco. Trátase de defender a quen é o responsábel último, o Estado español. Iso é o que explica por que hoxe, na xunta de portavoces, PP e PSOE comportáronse como correntes de opinión do mesmo partido, o PPSOE.