Haberá un anaco orixinal da Torre Eiffel en cada unha das medallas dos Xogos Olímpicos de París 2024

O Comité Organizador dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París deste próximo verán presentou este xoves as súas medallas para ambos os eventos, con protagonismo para a Torre Eiffel, un dos grandes emblemas da capital francesa e que adornará cada presea cunha peza orixinal da construción. Segundo indicaron os organizadores, a súa Comisión de Atletas, presidida polo exbiatleta Martin Fourcade, participou na procura dunha idea que simbolizase "a identidade" destes Xogos e que era "obvio asociar o monumento icónico de Francia e París, a Torre Eiffel, co obxecto máis prestixioso dos Xogos, a medalla". Deste modo, cada medalla olímpica e paralímpica está engastada cunha peza de ferro orixinal do monumento construído entre 1887 e 1889 por Gustave Eiffel. "Para os Xogos de París, a Sociedade Operadora da Torre Eiffel permite que estas auténticas pezas da historia parisiense e francesa volvan atopar a gloria", celebrou o Comité Organizador.

O ferro compartirá protagonismo co ouro, a prata e o bronce. (Foto: Europa Press).
photo_camera O ferro compartirá protagonismo co ouro, a prata e o bronce. (Foto: Europa Press).
Comentarios