Agora

Central de emerxencias do 112-Galiza. (Foto: 112).
Agora

Buscan unha muller de 63 anos desaparecida en Vilaxoán (Vilagarcía) desde esta terza feira

Efectivos policiais buscan unha muller de 63 anos, de estatura entre 1,60 e 1,65 metros, ollos verdes, lentes graduadas e pelo canoso, que falta desde esta terza feira do seu domicilio en Vilaxoán, Vilagarcía de Arousa (O Salnés). Fontes policiais confirmaron a Europa Press o despregamento do dispositivo e solicitaron colaboración para localizar esta muller, de cuxa alerta tamén avisou a conta SOS Desaparecidos. Responde ao nome de María Teresa Lago Martínez. SOS Desaparecidos mantén as súas liñas de teléfono habilitadas ante calquera pista, do mesmo modo que o 112.
Un axente da Garda Civil española.
Agora

Investigados dous condutores por conducir no Barco con permisos de conducir falsos de Senegal e Polonia

Axentes da Garda Civil de Tráfico interceptaron en senllos controis no Barco de Valdeorras (comarca de Valdeorras) dous condutores con permisos de conducir falsos de Senegal e Polonia. Segundo informa a Garda Civil nun comunicado, ambos os dous condutores atópanse investigados por supostos delitos de falsidade documental e contra a seguridade viaria. Enfróntanse a penas que poden implicar entre seis meses e tres anos de prisión. A primeira actuación produciuse en decembro de 2023, na estrada N-120, onde un condutor de 42 anos e nacionalidade senegalesa presentaba un carné de conducir que tiña visos de validez, pero "a residencia en España do condutor desde facía anos e outra serie de indicios levantaron a sospeita dos gardas civís". Por outra parte, o 5 de marzo de 2024, tamén na N-120, detectouse a un condutor de 39 anos cun permiso polaco, aínda que se comprobou que no país de orixe nunca tivera carné de conducir.
Estación de tren de Compostela (Foto: Europa Press).
Agora

Unha avaría causa atrasos de máis de 30 minutos en trens que circulan entre Vigo e A Coruña

Unha avaría nas instalacións do tren entre Vilagarcía de Arousa e A Escravitude causou atrasos de máis de 30 minutos nos ferrocarrís con percorrido Vigo-A Coruña e viceversa. Así o informou o revisor aos pasaxeiros do rexional 12526 que tería que chegar a Santiago de Compostela ás 10:54 horas e, como consecuencia, fíxoo ás 11:30 horas. "Debido a limitacións nas infraestruturas de Adif, o teu tren circula cunha demora aproximada de 35 minutos", comunicou Renfe.

Coche de Policía Local. (Foto: Europa Press)
Agora

Detido o dono dun bar de Lugo por unha suposta agresión á súa parella

Axentes da Policía Local de Lugo detiveron a un home, propietario dun bar, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras supostamente agredir a súa parella. Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada desta cuarta feira, cando o 092 recibiu un aviso para acudir a un estabelecemento de hostalería da rúa Eo, onde unha muller estaba "a causar molestias". Ao chegar, os axentes entrevistáronse coa muller, de 28 anos de idade, que se atopaba chorando e moi alterada. A moza explicou aos policías que o propietario do bar era a súa parella e que ela lle prestou diñeiro, sen que el llo devolvera. Ante a negativa para devolver ese diñeiro, a muller colléralle o teléfono móbil, que tamén llo prestou ela e que ela pagaba, e o home reaccionou dándolle un forte golpe na cabeza, e empuxándoa para sacala do establecemento.Por estes feitos, os axentes procederon á detención do home como presunto autor dun delito de violencia de xénero. Mentres, a muller foi trasladada a un centro sanitario para valorar as súas lesións e, posteriormente, a dependencias policiais para a formalización da denuncia.

Central de emerxencias do 112-Galiza. (Foto: 112).
Agora

Morre un motorista ao chocar cun coche en Quiroga

Un motorista faleceu ao batercontra un coche na estrada LU-933, á altura a parroquia de Nocedo, no municipio de Quiroga (comarca homónima). Segundo informa o 112 Galiza, sobre as 18:10 horas un particular deu aviso do accidente. Até o lugar desprazáronse os servizos sanitarios, pero só puideron confirmar o falecemento. O suceso tivo lugar no quilómetro 31 da LU-933. Foron avisados 061, membros do GES de Quiroga-Folgoso do Courel e Garda Civil de Tráfico.

Xurxo Álvarez, presidente da Fruga (Foto: Nós Diario).
Agora

A Fruga critica a fin da Axencia Galega de Industria Forestal

A Federación Rural Galega (Fruga) amosou esta terza feira a súa “preocupación” pola extinción da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA). En concreto, interesouse “polo camiño que poden seguir as políticas ligadas ao monte e ás industrias forestais”. Este sindicato cre que “debería continuar en Medio Rural” para "promover a diversificación do sector". Ademais, interesouse polo futuro inmediato do CIS-Madeira, un ente ao que XERA "pasou a integrar tanto os medios persoais como os materias". Con esta mudanza, afirman, "este sería o sexto cambio de organigrama e funcionamento desde a súa creación", polo que, din, “é moi difícil poder desenvolver proxectos vinculados as nosas madeiras e que estes podan reverter nas industrias do ramo”.
Unha oficina do Banco Gallego no Ensanche de Compostela (Foto: Nós Diario).
Agora

O Banco Sabadell cae 3,4% na Bolsa tras rexeitar a oferta de BBVA

As accións de Banco Sabadell perderon esta terza feira case 3,4% despois de rexeitar a oferta que BBVA, que sobe 1,7%, expresara para fusionar ambas as dúas entidades. A decisión do Sadadell, que opera na Galiza como Banco Gallego, tomouna por considerar que xerará máis valor en solitario. O consello de administración da entidade financeira catalá considerou,  ademais, que a oferta "infravaloraba significativamente" o proxecto da súa e as súas perspectivas de crecemento como compañía independente. O consello firma que esta decisión está "aliñada" co interese "de clientes e empregados".
Incendio nunha nave de Ribeira.
Agora

Extinguido o incendio nunha nave do polígono de Aguiño, en Ribeira

Os bombeiros extinguiron un incendio declarado na tarde desta segunda feira nunha nave do polígono de Couso en Aguiño, no municipio de Ribeira. Segundo informa o Consorcio Provincial Contra Incendios e de Salvamento, o lume orixinouse á primeira hora da tarde en restos de materiais da demolición do propio inmóbel, concretamente no illante do panel frigorífico, ao parecer ocasionado polas faíscas dunha radial. Até o lugar desprazáronse os bombeiros de Ribeira e de Boiro, que extinguiron o incendio e comprobaron a seguridade do lugar. Tamén acudiron a Policía Nacional e a Local de Ribeira.
Banco Sabadell (Foto: Europa Press).
Agora

Banco Sabadell rexeita a oferta de fusión proposta por BBVA

Banco Sabadell rexeitou a oferta que BBVA formulou semana pasada para fusionar ambas as entidades ao considerar que xerará máis valor para o seu accionariado en solitario, segundo informou a entidade á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). Pola súa parte, BBVA lamentou que o consello de Sabadell, que se reuniu esta segunda feira para avaliar a proposta de fusión, "rexeitara unha oferta tan atractiva".
José Raúl Mulino, novo líder panameño, celebrou na madrugada da segunda feira o triunfo. (Foto: Nós Diario)
Agora

O conservador Mulino gobernará Panamá cunha Asemblea Nacional fragmentada e dominada por independentes

Na madrugada da segunda feira confirmouse que o conservador José Raúl Mulino (Realizando Metas) foi escollido nas eleccións xerais do domingo como novo presidente de Panamá, substituíndo o progresista Laurentino Cortizo (Partido Revolucionario Democrático). Mulino terá que gobernar cunha Asemblea Nacional moi dividida, na que o grupo principal, 21 de 71, corresponde á candidaturas independentes.

A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga (Foto: Nós Diario).
Agora

O PSdeG ve "intolerábel" que Rueda "rompa o compromiso" de non reincorporar ao PP o edil condenado por violencia de xénero

A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, cualificou de "intolerábeis" as declaracións do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, sobre a reincorporación ao PP do edil da Illa de Arousa (O Salnés) condenado por violencia de xénero. Esta segunda feira, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o titular do Goberno galego sinalou que "non" se oporá á "decisión do PP de Pontevedra" de recuperar ao edil. "O señor Rueda demostrou dúas cousas coas súas declaracións. A primeira, que non é unha persoa de fiar, que non é unha persoa de palabra", asegurou Fraga. Para a responsábel de Igualdade da formación socialista, Rueda tamén demostra que "non está á beira das vítimas de violencia de xénero" e lanza unha mensaxe "moi perigosa, dando a entender que a violencia de xénero é algo que se pode perdoar".

'Unha inimiga do pobo', de Talía Teatro. (Foto: Rubén Prieto).
Agora

Talía organiza unha función solidaria con Palestina da obra 'Unha inimiga do pobo'

Talía Teatro realizará unha función solidaria do espectáculo Unha inimiga do pobo, gañadora de 7 premios María Casares, este sábado, 11 de maio, ás 20 horas, na Casa da Cultura de Cee. Talía quere manifestar así o seu apoio ao pobo palestino, que sofre "un brutal xenocidio e está vivindo unha situación humanitaria límite". O diñeiro recadado doarase á Axencia de Nacións Unidas para a poboación refuxiada de Palestina en Oriente Próximo. 
O padexeiro Pablo Crespo. (Foto: Fegapi).
Agora

Pablo Crespo viaxa a Hungría na procura de praza olímpica

A localidade húngara de Szeged, capital continental oficiosa do deporte do piragüismo, acolle desde mañá e até o próximo 9 de maio un torneo pre-olímpico no que se repartirán os últimos boletos para estar nos Xogos de París 2024. Na cita maxiar estará presente o galego Pablo Crespo (Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra), único representante do país con opcións para estar na gran cita gala que aínda conta con opcións de clasificarse. Crespo será da partida na categoría C1 1.000 metros grazas á súa brillante actuación no recente selectivo estatal disputado hai un mes, e terá os seus principais rivais nos representantes de Ucraína, Italia, Grecia e Bulgaria.
Xan Rodiño -segundo pola dereita- é o virtual campión ligueiro. (Foto: FGDA).
Agora

Salgue faise co triunfo na Conferencia Rías Baixas da Liga Atlántica de Billarda

A décimo quinta xornada na Conferencia Rías Baixas da Liga Atlántica de Billarda, disputada no pavillón do IES Illa de Tambo de Marín, colleu a remuda da competición logo da Supercopa. Alí, o mellor na categoría individual absoluta foi Salgue (Valpaços Terra Quenre de Vigo), que rematou por diante de Chicho e Xan Rodiño, ambos membros de Lúa de Forza de Sanxenxo, que contribuíron coa súa actuación ao triunfo no plano colectivo da súa formación. Ademais, na modalidade feminina o podio estivo conformado polas locais María Caride (Gharaboto de Marín) e Lita, sendo terceira Lu (Lúa de Forza). Xa que logo, e a falta de tan só tres datas para o final da fase regular, todo apunta a que Xan Rodiño (341 puntos) será o campión absoluto salvo sorpresa maiúscula. 
 
Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza (Foto: Xunta).
Agora

Varias residentes desaloxadas por un incendio no garaxe dun edificio en Culleredo

Varios veciños e veciñas tiveron que ser desaloxados dun edificio de nove plantas de Culleredo (A Coruña) no que se rexistrou un incendio nun garaxe. Segundo informan a Europa Press fontes do 112 Galiza, o inmóbel está situado na rúa Anxo Senra, no Burgo. Urxencias Sanitarias-061 tivo que atender unha persoa afectada por inhalación de fume. No edificio, que tivo que ser desaloxado parcialmente -outros veciños están confinados nas súas vivendas-, traballan os servizos de extinción.

Agora

Interveñen 779 quilos de sardiña en Ribeira nun pesqueiro que superaba o peso de capturas permitido

O Servizo Marítimo da Garda Civil da Coruña incautou 779 quilogramos de sardiña no porto de Ribeira (O Barbanza) procedentes dun pesqueiro que superaba o peso máximo de capturas permitido. Segundo informou o Instituto Armado, a Unidade efectuaba un servizo propio na zona do porto da localidade cando observaron a atracada dun pesqueiro. Así, procederon a realizar un control das capturas que traía a bordo, constatando que foran rexistradas por un total de 2.500 quilos -o máximo permitido para este tipo de embarcación- mai que en realidade transportaba 3.279 quilogramos. Por este motivo, levantouse acta de denuncia e procedeuse á incautación do peixe.

Un avión no aeroporto de Vigo (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
Agora

O aeroporto de Vigo suspende a partir desta segunda feira a actividade pola remodelación da pista

O aeroporto de Peinador, en Vigo, suspenderá a partir do 6 de maio a  súa actividade debido ás obras de remodelación da pista. As obras durarán nove meses mais o feche afecta só para o que queda de maio. A clausura desta infraestrutura de transporte afectará a máis de 500 traballadoras e traballadores malia evitar a súa realización en tempada alta.  O feche de Peinador afectará a eventos como a feira internacional da industria do naval, Navalia, que se decorrerá os días 21, 22 e 23 deste mes a uns metros do aeroporto, nos pavillóns do Ifevi. Dúas das compañías que operan en Vigo, Air Europa e Binter, trasladaron toda a súa operativa este mes ao Aeroporto Rosalía de Castro de Santiago mentres que outras optaron por reaxustar as súas liñas.

Agora

Desaloxan a veciñanza dun edificio de Tomiño por un forte cheiro a gas

Veciñas e veciños dun edificio situado na avenida de Ordóñez, en Goián, no concello de Tomiño (Baixo Miño) foron desaloxados, por precaución, tras un forte cheiro a gas. Segundo informou o 112, o suceso ocorreu minutos despois das 20.30 horas desta sexta feira cando unha persoa contactou coa Policía Local e explicou que había un cheiro a butano no edificio. A central de emerxencias alertou aos Bombeiros de Baixo Miño, aos membros do GES da Guarda, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade e ao persoal da empresa subministradora do gas. Unha vez no punto, os axentes da Policía Local confirmaron a percepción do forte cheiro a gas no segundo andar, polo que procederon a evacuar a todo o edificio. Pola súa banda, os Bombeiros comprobaron os resultados negativos dos valores e indicaron que a orixe do cheiro a gas, probablemente tiña relación coas arquetas da rúa. Desta maneira, e tras a avaliación de profesionais, a veciñanza volveu ás súas casas e non houbo que lamentar ningún dano.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, intervindo na lectura de 'A república dos soños'.
Agora

Unha lectura colectiva en Santiago e Rio de Janeiro homenaxea Nélida Piñón

A Academia Brasileira de Letras e a Associaçom Galega da Língua homenaxean á escritora Nélida Piñón, cunha lectura colectiva que une as terras de orixe e adopción da autora. Unhas 300 persoas participan en Río de Janeiro e Compostela na lectura de A República dos Soños, sobre a inmigración da Galiza a Brasil. O evento comezou na data do nacemento da autora, 3 de maio, e remata na véspera do Día da Lingua Portuguesa, 4 de maio.  
A proba decorrerá polo centro desta localidade da Terra Chá. (Foto: FGA).
Agora

Guitiriz acolle a inauguración do Campionato Galego de Slálom

A localidade de Guitiriz (A Terra Chá) acolle hoxe, 4 de maio, a primeira proba puntuábel para o Campionato Xunta da Galiza de Slálom, unha competición que contará con máis de 30 equipos nunha liña de saída á que seguirá un percorrido con, explican desde a organización, "puntos de gran complexidade que porán a proba a pericia de todos e cada uno dos favoritos a facerse coa vitoria dentro das diferentes categorías". Con respecto aos horarios, os motores comezarán a ruxir ás 11.15 coa primeira das mangas de adestramentos, que dará paso a unha segunda pasada de proba polo circuíto para, a partir das 16.30, escoitar o disparo de saída dos tramos cronometrados. Ademais, e sen deixar o mundo do motor, Touro (Arzúa) será a sede ao longo desta fin de semana do Galego de Rallymix.