O motín da Ulloa: unha revolta que levou a sublevación a toda a Galiza

"En Madrid existía a convicción de que todo o Reino da Galiza se atopaba alborotado e sublevado e que os motíns se estendían a todo o país", relata Jesús de Juana López.
Mulleres marchando contra Versalles (Foto: Biblioteca Nacional de Francia).
photo_camera Mulleres marchando contra Versalles (Foto: Biblioteca Nacional de Francia).

Apenas tiñan pasado uns meses desde o comezo da Revolución Francesa e a maioría das forzas armadas atopábanse nos Pireneos para controlar o conflito xurdido despois do levantamento do pobo galo, segundo relata Jesús de Juana López, doutor en Historia Contemporánea e catedrático da Universidade de Vigo (UVigo).

Nese contexto, había rumores de que se ía impor na Galiza, funcionando de experimento para levar a medida ao resto de territorios controlados pola coroa castelá, a chamada contribución única, unha medida fiscal da que o pobo temía ser a vítima indirecta ante a suba dos tributos que lle puidesen exixir os señores.

É nestas circunstancias nas que xorde o motín da Ulloa, unha revolta que recibiu este nome ao ter esta comarca e os seus municipios (Monterroso, Palas de Rei e Antas de Ulla) como os seus núcleos principais. Este feito histórico tratouse do maior levantamento contra os abusos fiscais que tivo lugar na Galiza do Antigo Réxime.

"Especialmente desde agosto até finais de novembro de 1790 partidas de amotinados armados de paus e elementos agrícolas provocaron balbordos polas feiras do país, como en Monterroso, Chantada, Vilalba, Ribadavia, Vilanova dos Infantes, entre outras moitas, ou en cidades como Lugo, Santiago, Betanzos, Mondoñedo e, ao cabo, Ourense, sen que ninguén puidese frealos nin deter", relata De Juana López.

"O obxectivo era impedir: o incremento dos impostos das transaccións comerciais; a implantación da contribución chamada a Única, que amedrentaba aos propietarios mais tamén aos campesiños sobre os que ía recaer ao final a carga impositiva; e os abusos dos novos recadadores das rendas reais", explica o doutor.

Medo en Madrid

Segundo fontes eclesiásticas da época, foron entre 6.000 e 8.000 os campesiños e campesiñas que puideron ter participado desta revolta. "Chegou a ser tan numerosa e tan extensa que o propio Axente Xeral do Reino na Corte comunicou á cidade de Lugo, en decembro de 1790, que en Madrid existía a convicción de que todo o Reino da Galiza se atopaba alborotado e sublevado e que os motíns se estendían a todo o país", prosegue o catedrático no seu artigo O bispo Quevedo e a revolta galega chamada da Ulloa (1790) contra a contribución única.

Tras meses de revolta, esta foi sufocada. O levantamento que puxo en xaque o poder e que segundo a Corte de Madrid fixo que o Reino da Galiza se atopase sublevado rematou. Con todo, a contribución única non foi finalmente implantada.

Comentarios