Contracultura

Iria Morgade, investigadora: "Nomear os campos de concentración axuda a romper co discurso da guerra fratricida"

Iria Morgade (Pontevedra, 1988) vén de ser galardoada co premio Antón Losada Diéguez, na categoría de Creación Literaria, pola súa obra Quen escribirá a miña historia? (Galaxia), na que afonda na historia do Mosteiro de Oia e dos campos de concentración após da Guerra Civil.
A pontevedresa Iria Morgade investiga temas relacionados coa memoria e o discurso social (Foto: Nós Diario).
photo_camera A pontevedresa Iria Morgade investiga temas relacionados coa memoria e o discurso social (Foto: Nós Diario).

—Como recibe o Premio Antón Losada Diéguez?
Para min é moi emocionante por todo o que significa para o que era o obxectivo da novela: divulgar e desmontar en certa maneira o relato da guerra fratricida que se vendeu durante a Transición, unha guerra entre irmáns que aínda pervive no imaxinario social e no discurso oficial. O resultado é a ocultación do xenocidio que se cometeu após do golpe de Estado.

A novela naceu coa intención de romper con este relato, porque é algo que na academia e na historiografía xa está bastante consolidado, e levalo ao coñecemento máis xeral a través da literatura e da historia do protagonista. Se ben todo é ficcionado, un dos protagonistas é unha persoa real da que descoñecemos todo á parte de que foi un preso no Mosteiro de Oia. A historia era tamén unha reivindicación da súa persoa e dos desaparecidos. O premio é un pulo porque iso sexa máis coñecido e que poida chegar a máis xente. 

—Cre que hai persoas que se achegan agora a esta historia e que non se terían aproximado fóra da ficción?
A novela mestura feitos que aconteceron tanto en Oia como noutros lugares do Baixo Miño. Nun comezo tiña dúbidas sobre se puidera plasmalo da forma máis verídica posíbel segundo os coñecementos históricos que hai hoxe en día. Tiven o respaldo de persoas como Pepe Álvarez, un historiador local de Pontevedra; Carlos Méixome ou o meu director da tese, Antonio Míguez. Aínda que sexa unha ficción, é unha maneira pedagóxica de chegar a persoas que quizais non lerían un ensaio sobre este tema. 

É a través das relacións dos personaxes que poden chegar a empatizar, porque a novela vai mesturando 1939 con outros períodos, como 2020. Ao final, cando empatizas cos sentimentos e as emocións, podes chegar a reflexionar máis sobre o que aconteceu. 

—Un dos temas que aborda son os campos de concentración da Galiza.
Ademais da crueza que supón comprobar que existiron aquí e que segue a ser algo aínda moi descoñecido, isto é unha proba desa construción do relato da que falaba. Isto apartou o réxime franquista do seu contexto, o dos fascismos europeos. Cando estes perden a guerra, o réxime franquista elimina moita da documentación que había sobre os campos de concentración para afastarse diso e construír esa excepcionalidade ibérica como se fose algo diferente. Como se o réxime franquista non estivese enmarcado no momento no que xurdiu. 

—Que importancia ten nomealos campos de concentración?
Pórlle nome, campo de concentración, tamén axuda a romper con esa excepcionalidade, servindo tamén para comprobar como era esa violencia que se intentou suavizar e que en realidade tiña unha lóxica xenocida. Ademais dos 11 campos tamén estaban as prisións, como a de San Simón, que estaban dentro do sistema penitenciario, aínda que as condicións de vida e crueza eran moi similares.

Na historiografía que se realizou durante moito tempo até hai 20 ou 30 anos, cando comezou a haber profesionais novos e novas que impulsaron outro tipo de investigación, o discurso da guerra fratricida impregnaba todo. Era, polo tanto, o que se aprendía nos libros de texto. Do mesmo modo, o nazismo tamén o impregnou todo, construíndo o relato da violencia exercida sobre os xudeus, obviando ou negando moitos outros pobos que tamén foron masacrados e exterminados, como o xitano. 

Comentarios