'Alén', de Vicente Fraga, gaña o XVIII Premio Luís Ksado de fotografía

'Nordés', de Miguel Muñiz, leva a Mención de honra do certame, ao que se presentaron 55 coleccións.

Imaxes de 'Alén', a serie gañadora do premio.
photo_camera Imaxes de 'Alén', a serie gañadora do premio.

Vicente Fraga Fernández vén de gañar o XVIII Premio Luís Ksado de fotografía, que convoca a Deputación da Coruña. Fraga acada o galardón pola colección Alén, escollida entre as 55 presentadas a concurso. O autor xa fora finalista da edición anterior do Premio coa súa serie Adeus. A serie Nordés, de Miguel Muñiz, mereceu a Mención de honra.

De Alén, o xurado valorou "a coherencia na poética da memoria e a deterioración do espazo das persoas arraigadas no seu medio". Nordés ten o mérito "da captura poética dunha atmosfera e a coherencia dunha visión íntima dun lugar e dunhas xentes, onde as forzas elementais da natureza se transmiten con eficaz sinestesia: un documento que máis que mostrar fai sentir".

A deputada de cultura, Natividade González, presidiu o xurado, formado por Pepe Baeza Gallur, María Sandra Balsells Cubells, Chema Madoz, Carmen Dalmau Bejarano e Juan María Rodríguez Caparrós. Actuou como secretaria Manuela Muñiz Souto, xefa do Servizo de Acción Social, Cultura e Deportes da institución provincial. Nas deliberacións tamén participaron, sen voto, Xurxo Lobato, comisario do certame, e Marcos Sánchez, coordinador dos premios.

O xurado tamén seleccionou, ademais das premiadas, as seguintes coleccións para formar parte do catálogo e da exposición itinerante que o certame programa por cada edición: Fin de la faena, A quen, El terremoto de Turquía e Usar y tirar. Perversa moda rápida.

Comentarios