Aurichu Pereira, Ramón Baltar e Ezequiel Méndez, Fillos Predilectos de Santiago

Tareixa Navaza e Luís Pasín recibiron a Medalla de Ouro da cidade.

Acto de entrega dos premios de honra do Concello de Santiago, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Acto de entrega dos premios de honra do Concello de Santiago, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)

Aurichu Pereira e Ramón Baltar, a título póstumo, e Ezequiel Méndez Vidal, recibiron os títulos de Fillos Predilectos de Santiago de Compostela, nun acto conducido pola artista Sole Felloza e no que participaron a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, e os membros da Corporación municipal. Tamén se entregaron as Medallas de Ouro da cidade á xornalista Tareixa Navaza e ao activista político Luís Pasín. Ademais o sacerdote José Porto e o profesor Manuel Quintáns recibiron a distinción de Fillos Adoptivos da cidade.

A xornalista Tareixa Navaza foi recoñecida coa Medalla de Ouro por "manter, coa súa voz en alto, o compromiso co país e coa loita pola igualdade" a través dunha narrativa "que nos fala da vida íntima da cidade e nos trae a memoria familiar dun tempo e dun país".

O activista político Luís Pasín recibiuna polo seu labor "en prol da democracia, a participación veciñal e a memoria histórica de Compostela", que o converteu en "memoria activa" do seu barrio de Conxo. 

A pintora Aurora Pereira Carballo "Aurichu" recibiu o título de Filla Predilecta a título póstumo pola súa traxectoria como artista plástica e como deseñadora á fronte durante máis de 25 anos da coñecida tenda 'Xanela' no corazón histórico da cidade. O Concello recoñeceu a súa "creatividade artística, a súa significación comercial e veciñal e o seu activismo cultural e político".

Tamén a título póstumo, o médico e director hospitalario Ramón Baltar foi nomeado Fillo Predilecto da cidade por ser un "exemplo de militancia cívica, comprometido coa loita pola democracia nos momentos máis difíciles e acollendo e protexendo a vítimas da ditadura", así como pola súa participación en "proxectos de reconstrución da cultura galega na posguerra, como a recuperación da Casa de Rosalía e o Padroado Rosalía de Castro, do que foi conselleiro".

Esta honra recaeu no activista cultural Ezequiel Méndez Vidal, polo seu "labor en prol da creación e a divulgación das artes escénicas e visuais e o seu activismo cultural" ao longo da súa prolífica carreira como escritor, actor de teatro, impulsor de varios cineclubs na cidade, produtor audiovisual e editor.

O sacerdote José Porto Buceta, polo seu "labor de dinamización da parroquia e do barrio de Sar" durante os seus máis de 50 anos como párroco, e o profesor Manuel Quintáns Suárez, pola súa "inxente e laboriosa obra dedicada ás humanidades, á narración oral, ao conto tradicional, ao refraneiro e á cultura popular", foron nomeados Fillos Adoptivos da cidade. 

Comentarios