As Bestas, o filme de Rodrigo Sorogoyen inspirado nunha historia real acontecida na Galiza, xa é a película do ano. Esta noite converteuse na gran triunfadora dos Premios Goya con nove galardóns que inclúen os máis prestixiosos: mellor película, dirección, actor protagonista, actor de elenco, guión orixinal, montaxe, son, música orixinal e dirección de fotografía.
Sorogoyen agradeceu o seu recoñecemento á academia e aproveitou o seu discurso sobre o escenario para gabar o traballo cinematográfico realizado durante 2022 por todos os seus compañeiros e compañeiras de profesión.
Saura, un referente
"Este 2022 fixemos peliculóns, temos que seguir así para que o público volva ás salas", sinalou o director, que xa conta con outro Goya como director por El Reino (2019).
Como director, aludiu a un dos nomes da noite, Carlos Saura, falecido un día antes de que se lle concedese o Goya honorífico. "Á parte de fixarse en Carlos Saura todo o tempo, ser un bo director creo que é rodearse do mellor equipo posíbel", reflexionou.
"Aparte de fijarse en Carlos Saura todo el rato, ser un buen director creo que es rodearse del mejor equipo posible". El discurso de @sorogoyen al ganar el Goya a la Mejor Dirección por As bestas #Goya2023 pic.twitter.com/8N0Jxl7nxb
— Premios Goya (@PremiosGoya) February 12, 2023
Ese foi, segundo dixo, o seu "maior mérito". O cineasta agradeceu a súa contribución a todos os profesionais técnicos e artísticos que participaron no seu filme, pero tamén tivo palabras para quen se achegou por primeira vez a unha película.
"Quero dar a grazas á xente do Bierzo, de Vilafranca, Quintela, de Barjas e, sobre todo, aos actores non profesionais que nos regalaron o seu entusiasmo e humanidade".
Non á invasión eólica
As reivindicacións de Sorogoyen culminaron cunha defensa sentida do medio rural e natural. "Os cabalos salvaxes que aparecen na película viviron durante séculos en liberdade. Son dos montes de Sabucedo e a xente de alí ensinounos a amar os animais dunha maneira que nunca vira nunca. Nesta zona están a proxectar catro parques eólicos xigantescos que son un prexuízo irreparábel para a fauna e a flora".
Rodrigo Sorogoyen fixo súas as demandas do pobo galego contra o impacto que están a proxectar as grandes eléctricas coas súas propostas de megaparques eólicos.
"Todo o meu apoio para o pobo de Sabucedo pola defensa dos seus cabalos e dos seus montes. Enerxía eólica si, pero non así", culminou.