A tradición recupera vitalidade ao longo do país

Os Cantares de Reis, unha forma excepcionalmente rica do patrimonio

Os cantos de Reis constitúen un xénero que provocou formas musicais propias e que constitúe unha parte sorprendentemente rica do patrimonio inmaterial da Galiza. Os tipos de canto mudan segundo os lugares en que se dean, mais a tradición de reunirse para ir cantar de casa en casa é a mesma en todo o país.  
Adoración dos Magos na igrexa de San Bieito do Campo, Santiago de Compostela. (Foto: P. Lameiro)
photo_camera Adoración dos Magos na igrexa de San Bieito do Campo, Santiago de Compostela. (Foto: P. Lameiro)

No inicio era a viaxe. Os Reis Magos saen de Oriente e emprenden camiño cara a Occidente: igual que o sol. Durante moito tempo, a fin do ano supuña para o pobo -cuxa dependencia da natureza era moito máis perentoria nas sociedades agrarias- a morte dun ano e o “nacemento” doutro. 

Moitos estudosos relacionan os cultos solares -pasados pola peneira da liturxia cristiá- coa tradición galega de ir cantar polas casas, solicitando o aguinaldo, cantando panxoliñas ou nadais, no propio Nadal, xaneiras, manueis ou aninovos para a fin de ano, e cantares de reis ou aguinaldos para a véspera de Reis.

O ciclo da vida e da morte

"A Galiza ten un imaxinario relacionado co Nadal, Aninovo e Reis como ningún outro país do mundo", sostén o arqueólogo Felipe-Senén, unha das persoas que máis ten estudado sobre o tema. "A tradición musical procede xa das cantigas de amigo e das cantigas de escarnio e maldizer, e o tema dos Magos está directamente relacionado co da peregrinación: o peregrino vai a un lugar de morte, mentres que os Magos van a un lugar de nacemento, todos eles guiados por unha estrela. Féchase todo un ciclo, e iso, na cultura galega, ten unha enorme repercusión: o país está ateigado de representacións artísticas da Epifanía: tímpanos, retablos, música...". 

O músico Xosé Luis Rivas "Mini" concorda con Senén ao considerar a riqueza artística e musical deste ciclo. "Non hai unha abundancia parecida noutros lugares porque poucos pobos tiveron unha agricultura tan potente que tivese que soster unha poboación tan densa como a que existía na Galiza", explica. "E si é certo que hai un camiño, xa anterior ao de Santiago, o camiño das estrelas, que era unha transición de culturas e que desembocaba aquí. E iso, efectivamente, dá lugar a unhas manifestacións artísticas excepcionais". 

O ciclo solar, que nas culturas tradicionais é, sobre todo, un ciclo agrario, condicionaba tamén os ritos. "Este é un país climatoloxicamente duro. Tes que sentir o frío na cara e fume do lume nos ollos e ver como as xeadas acabaron con todo. Entón non é raro que se pida con auténtico fervor que o sol volva fecundar a terra. Iso é basicamente o ciclo do Nadal", afirma Rivas.


Contra a festa do consumo 

No que tamén están de acordo ambos é na erosión que sobre a tradición exerce a sociedade de consumo. "A tradición cristiá é moi culta e moi variada", explica Senén, "e o consumismo da sociedade actual simplifica e trivializa todo ese herdo, ou substitúeo por tradicións que veñen de fóra e que non teñen o mesmo significado nin a mesma pertinencia na nosa cultura. Estas tradicións foron cultivadas pola Xeración Nós precisamente porque os seus compoñentes coñecían todas as ramificacións que se derivaban deste manancial simbólico". 

E Rivas engade: "Eu son un ateo convencido e sigo celebrando os Reis Magos, creo neles. Son un rito de fertilidade e un recordatorio da vida en comunidade. O agro é un mundo que se debe vivir en sociedade, o individualismo non ten sentido nel, e a tradición de percorrer as casas reafirma o grupo, o clan". 

Riqueza patrimonial 

Rivas, que tamén é deputado polo BNG no Parlamento galego, propuxo á Xunta, hai uns días, a creación dun fondo de gravacións tradicionais galegas de Cantos de Nadal e Reis, que se poñan a disposición das cadeas comerciais que acostuman a usar música ambiental, así como da CRTVG. A proposta foi aprobada por unanimidade. 

"Hai proxectos como o Arquivo de Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego, que acumula un fondo riquísimo de gravacións pero que conta con poucos medios. A Administración debe apoialo para difundir ese patrimonio e facilitar que a xente que quere beber nas raíces ou que quere facer música teña un acceso doado a ese material. A iniciativa pretendía un recoñecemento oficial de que existe unha música galega propia destas datas e tamén visualizar o baleiro que padecemos: precisamos que esa música estea ao dispor de medios de comunicación e, sobre todo, dos centros de ensino para evitar que se difundan teimudamente panxoliñas en inglés sen que coñezamos a riqueza das músicas patrimoniais". 

Unha riqueza que procede, comenta Senén, da "amálgama entre música culta e popular, da superposición de esquemas académicos sobre unha base popular moi fértil". 

"Ás veces quedas abraiado coa complexidade das polifonías destes cantos", di Rivas. "É case inverosímil que xente practicamente analfabeta puidese manexar uns esquemas musicais tan complexos. É a gran vinganza: a demostración de que si se podía facer música culta en galego". 

 

Unha tradición con innúmeras variantes 

A tradición pasou por malos momentos e case se perde, pero cada vez existen máis iniciativas de asociacións e particulares que traballan por rescatar do esquecemento esta parte do patrimonio cultural inmaterial. Hoxe e mañá sairán á rúa grupos e asociacións que darán conta da insospeitada variedade destes cantos e das tradicións asociadas a eles, como as danzas denominadas “brancas” que acompañan 
os cantos nalgúns lugares. 

As navidades de Cela, os bandos de Soutomaior, as rondallas de Gondomar, os ranchos do Condado...  Case todos eles comezan cunhas estrofas nas que os “reiseiros” se presentan e piden licenza para cantar á porta da casa. Logo, segue o propio canto de Reis. E para finalizar, lóuvase os habitantes da casa -se se lles concede o aguinaldo- ou engádense unhas estrofas ferintes -en caso de non obter a recompensa desexada.

Comentarios