Sermos Galiza

A despedida de Leilía protagoniza o 'Sermos Galiza' desta fin de semana

Inicia este número do Sermos unha reportaxe a cargo de Patricia Arias que analiza o verán de 1936 en galicia segundo a pintora Maruja Mallo.
Detalles da capa do 'Sermos Galiza'.
photo_camera Detalles da capa do 'Sermos Galiza'.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez as protagonistas son Leilía nunha entrevista realizada por Montse González.

González salienta antes de iniciar a conversa con Leilía que “devolverlle ao pobo pezas esquecidas, como o Chorei, chorei. Fomentar o respecto e a sensibilidade pola tradición musical galega e, en xeral, pola diversidade cultural. Difundir e actualizar o patrimonio oral galego. Reivindicar o papel da muller na música, e en especial da pandeireteira. As Leilía conseguiron todo isto, e máis, nos seus 34 anos de andaina”.

Relato veraz

Inicia este número do Sermos unha reportaxe a cargo de Patricia Arias que analiza o verán de 1936 na Galiza segundo a pintora Maruja Mallo.

“Maruja Mallo foi unha persoa intelixente e extremadamente libre, unha pioneira orixinal e transgresora e unha recoñecida artista de vangarda. Membro da Generación del 27, acuñou o termo Sinsombrero que hoxe usamos para referirnos a ese grupo de mulleres intelectuais que, a comezos do XX, souberon romper as normas e vivir doutra maneira”, indícase na reportaxe.

Previamente, na páxina de apertura, a zoqueira Elena Ferro, ofrece unha reflexión titulada ‘O medo’.

Arquitectura

A segunda reportaxe do semanario foi elaborada por Iago Valverde e titúlase ‘Mol Arquitectura artesáns’.

Valverde explica que “artesanía e industria precísanse e a arquitectura é a demostración. Ao rehabilitar un edificio, por exemplo, é imprescindíbel buscar o punto de encontro entre adaptarse ás imperfeccións da realidade e facer uso da tecnoloxía moderna”.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manuel López Foxo analizan na sección de libros dúas obras.

No apartado musical, Lois Agrelo analiza o disco Axexan, espreitan de Moura e J. Gutiérrez. Pola súa parte, Xurxo Souto escribe un artigo titulado ‘O armario de prudencio romo’.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Vesper. “Vesper podería ser un dos filmes de ciencia ficción de cabeceira dunha gran parte da xeración deste século”, indica Castro.

Ramsés Pérez ofrécenos un artigo na sección de Aves mentres que Carlso L. Bermúdez analiza na sección de Arte a obra de Lluís Lleó

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios