Letras Galegas

Galaxia publicará en abril 'Narrativa reunida', que recolle a obra narrativa publicada en vida de Luísa Villalta

"É necesario ler a Villalta en todas as súas facetas literarias para facerse unha idea da complexidade e calidade do seu corpus creativo", destacan.
A escritora Luísa Villalta. (Foto: RAG).
photo_camera A escritora Luísa Villalta. (Foto: RAG)

Novidades editoriais co gallo do ano de Luísa Villalta na literatura da Galiza. A Editorial Galaxia publicará, a principios de abril, o libro de Villalta, homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas, Narrativa reunida, que recolle a obra en prosa que publicou en vida.

O volume estará conformado por obras como o libro de relatos Silencio ensaiamos (1991), un variado conxunto de once narracións nas que xa destacan algunhas das temáticas máis queridas da autora, como a música, o valor da palabra e o paso do tempo. Tamén pola novela Teoría de xogos (1997), unha obra alegórica na que constrúe a existencia como xogo, e onde os cinco protagonistas da historia "transitan como 'monigotes' manexados pola man do azar nunha engrenaxe narrativa profunda e reflexivo".

E finalmente a novela histórica As chaves do tempo (2001), que recrea unha Galiza mítica gobernada polo rei Arturo baixo o consello do mago Merlín, e na que se presenta o dilema da sucesión do monarca entre os seus herdeiros. "Un libro de forte carga simbólica ao redor da identidade de país", remarcan.

Con este compendio, a editorial "quere pór ao dispor dos lectores estas tres obras, hoxe inencontrábeis dunha escritora múltiple, poeta, dramaturga, ensaísta, tradutora e narradora". "E á que é necesario ler en todas as súas facetas literarias para facerse unha idea da complexidade e calidade do seu corpus creativo", destacan.

Comentarios