A Fundación Eira da Xoana organiza a Primeira Romaría Priscilianista

O programa da xornada contará, ademais de coa romaría na propia Eira, coas palestras do escritor e teólogo Victorino Pérez Prieto e do ilustrador arqueolóxico Paco Boluda.
Recreación de Prisciliano, por Paco Boluda.
photo_camera Recreación de Prisciliano, por Paco Boluda.

A Fundación Eira da Xoana organiza hoxe a Primeira Romaría Priscilianista, "un acto de reivindicación da Terra e dos principios priscilianistas", segundo os organizadores.

O protagonista, o heresiarca galaico-romano cuxa doutrina, malia ser contundentemente condenada pola Igrexa, tivo un enorme seguimento na Galiza durante séculos, promulgaba a pobreza ascética como forma de vida do clero, a retirada a lugares apartados, o celibato, a eliminación da escravitude, a libre lectura de textos relixiosos e a igualdade entre os homes e as mulleres.

O programa da xornada contará, ademais de coa romaría na propia Eira, coas palestras de Victorino Pérez Prieto, escritor e teólogo, autor de varios títulos sobre a figura de Prisciliano, e do ilustrador arqueolóxico Paco Boluda, que falará sobre "Reivindicar e recriar a Prisciliano".

Pérez Prieto achegará a figura e o pensamento de Prisciliano -"mito e símbolo necesario de Galiza"-, e sobre o que significa para a cultura galega, resumindo o que ten escrito en varios textos: "mártir, líder dun movemento social renovador, feminista e ecoloxista avant la lettre, teólogo ortodoxo e comprometido, ademais dun asceta e un renovador da Igrexa, xa en decadencia no século IV".

A partir desa visión do bispo partirá tamén a intervención de Paco Boluda, que porá o acento na actualidade do pensamento priscilianista.

Boluda leva tempo traballando na imaxe de Prisciliano e reivindicándoo como "santo" galego, polo que a súa charla estará ilustrada con numerosas recreacións da súa figura, e mesmo con "estampas" devotas.

A xornada rematará cun recital poético-musical. 

Comentarios