Emilio Fonseca gaña no Play-Doc de Tui coa súa película 'Salvaxe, salvaxe'

A longametraxe de Fonseca optará agora o Premio de Cine Socioambiental do Festival Internacinal de Cine de Guadalajara.
Fotograma de 'Salvaxe, salvaxe'.
photo_camera Fotograma de 'Salvaxe, salvaxe'.

Salvaxe, Salvaxe, a primeira longametraxe cinematográfica do director ourensán e autor de cómic Emilio Fonseca, aspira a gañar o Premio de Cine Socioambiental do Festival Internacinal de Cine de Guadalajara (FICG), que se desenvolverá do 7 ao 15 de xuño na cidade mexicana, despois de resultar gañadora na competición galega do festival Internacional de Tui Play-Doc. A película de Fonseca xa conseguira, o pasado mes de marzo, a Biznaga de Plata á Mellor Longametraxe Documental no Festival de Málaga.

O xurado do Play-Doc destacou este traballo pola "súa capacidade de suxerencia, a través dunha abordaxe inmersiva cun inolvidable deseño sonoro, onde o telúrico, o poético, o antropolóxico e o político converxen con fluidez, ofrecendo un filme que reflexiona sobre un dos motivos centrais do noso tempo e revisa o concepto de 'salvaxe'".

Conformaban este xurado o historiador e crítico cinematográfico, Jose Manuel Sande; o Director executivo do festival Porto/Post/Doc, o portugués Sérgio Gomes; e a responsábel do departamento de educación e acción cultural do Museo do Pobo Galego, Ana Estévez Lavandeira. 

Esta produción galega achégase ao lobo ibérico desde un cinema "inmersivo e político: un anti-documental de natureza". Neste sentido, a cinta ensaia novas imaxes para representar a vida no planeta, superando a tradición do 'documental de natureza', que retratou como 'naturais' os "espazos-postal, onde a humanidade parece non existir". Así e todo, "non estamos separados/as da natureza, somos parte dela e estamos xuntas nisto. Mirarnos desde dentro do mundo vivo, identificarnos, é o primeiro paso para proxectar todas as nosas relacións, humanas e interespecie, de forma empática, compasiva", comenta o director.

Premio Internacional en Tui

Por outro lado, Gli ultimi giorni dell'umanità, (Os últimos días da humanidade), dos directores Enrico Ghezzi e Alessandro Gagliardo, foi a película gañadora da competición internacional en Tui . O xurado internacional decidiu premiar a cinta italiana  "por ser unha obra que vai máis alá da autobiografía e o cine caseiro invitándonos a coñecernos a nós mesmos  través do cinema". O xurado tamén outorgou unha mención especial a Onde están todos os meus amantes? do cineasta francés Jean-Claude Rousseau.

 

Comentarios