CONTRACULTURA

Henrique Alvarellos: "Os libros que saían do prelo de Alvarellos Editora tiñan vocación de alcanzar amplos públicos"

O editor Henrique Alvarellos afonda na obra de Benito Vicetto
Henrique Alvarellos cos exemplares da 'Historia de Galicia' de Vicetto. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Henrique Alvarellos cos exemplares da 'Historia de Galicia' de Vicetto. (Foto: Nós Diario)

Henrique Alvarellos (Lugo, 1968) lembra o esforzo editorial realizado polo seu pai, o editor Enrique Alvarellos, ao publicar en 1978 a primeira edición facsimilar da Historia de Galicia de Benito Vicetto, publicada orixinalmente en 1865 en sete volumes. Esta foi a obra que deu inicio á colección de facsímiles en Alvarellos, editorial dirixida por Henrique desde 2004, co obxectivo de alcanzar amplos públicos a través de obras clásicas e novas narracións.  

Historia de Galicia, de Benito Vicetto, foi a obra que iniciou a colección de facsímiles en Alvarellos Editora. Como xurdiu a idea de levar a cabo esta edición 
e que características tiñan os seus tomos?

Efectivamente. Foi en maio de 1978 cando meu pai publicou o primeiro volume. Xusto cen anos despois do pasamento de Benito Vicetto. Precisamente, este mes de maio faranse os 200 anos do seu nacemento. Meu pai afrontou, con moito esforzo, a que sería a primeira edición rigorosamente facsimilar, dunha obra que fora publicada orixinalmente en Ferrol polo impresor Nicasio Taxonera entre 1865 e 1873, e que nunca volvera ser reeditada desde aquela até ese maio de 1978. Era una edición popular e económica, xa que cada tomo tiña un custo de 500 pesetas.

En total, os sete volumes, que foron publicados entre os anos 1978 e 1979, suman 2.893 páxinas. Alvarellos Editora tiña, naquela altura, un ano de vida, e este foi un dos primeiros proxectos editoriais. O máis singular, destacado e esforzado do primeiro catálogo de clásicos, sen dúbida.

Pasados tantos anos desde a súa primeira publicación, cal é a relevancia desta obra hoxe e que pegadas deixou no eido cultural galego?
O primeiro volume inclúe un limiar do historiador Felipe Arias Vilas, que era daquela o director do Museo Provincial de Lugo. De feito, o Museo cedera o volume para a súa reprodución, mentres que os seis restantes procedían da biblioteca do Seminario de Lugo. Arias destaca "o valor da restauración da conciencia nacional de Galicia” que supón actualmente e que supuxo no seu momento esta magna obra. Ao tempo, nese prólogo, Arias fai fincapé en dous aspectos. En primeiro lugar, salientaba a necesidade de reclamar, xa naquela altura, o cultivo do galego no ensino en todos os niveis e o achegamento a Portugal. Por outra parte, Felipe Arias destaca tamén o carácter de precursor que supuxo a figura de Vicetto para a Xeración Nós e o Seminario de Estudos Galegos.

A nivel de investigación serviu para sentar algunhas bases, mais, a nivel popular, a súa difusión desta maneira tan económica tamén tivo que ser moi relevante, non?
Os libros que saían do prelo de Alvarellos Editora naqueles anos, sobre todo entre 1977 e mediados dos oitenta, tiñan todos unha vocación de alcanzar amplos públicos. 
A editorial nacera un 17 de xuño, por certo, xusto dous días despois das primeiras eleccións democráticas desde a II República. Estaba todo por facer e había que pisar a acelerador, para recuperar axiña tanto tempo estragado.

Diante agardaba un público lector que recibía con ilusión cada novidade. Fosen novos narradores e narradoras ou o rescate de clásicos como foi a publicación de Historia de Galicia de Vicetto. Os sete volumes de Vicetto levan xa anos esgotados, fóra do noso catálogo, pero son parte imprescindíbel para entender as nosas orixes editoriais e o que hai detrás da creación de Alvarellos. A día de hoxe aínda atopamos circulando algúns tomos, soltos na súa maioría, tanto en librarías como no mercado de segunda man, que se poden adquirir.