Irene Pin, directora: "Na webserie quería explorar as situacións que se dan nun negocio de aluguer de amizades"

Irene Pin (Lugo, 1995) obtivo o premio a Mellor Dirección no Carballo Interplay pola súa webserie 'Rent-a-pal', converténdose no primeiro proxecto galego da historia do festival en obter este galardón. Pin aborda o negocio do aluguer de amizades, a mercantilización das relacións e a creación dun produto audiovisual que xira arredor destas cuestións.
A directora Irene Pin durante a rodaxe da webserie 'Rent-a-pal' (Foto: Nós Diario).
photo_camera A directora Irene Pin durante a rodaxe da webserie 'Rent-a-pal' (Foto: Nós Diario).

Por que quería tratar este tema nunha webserie?
Atopeime con algunha noticia que falaba das axencias de aluguer de amizades. Foi algo que me deixou moita inquedanza e que me parecía representativo da sociedade na que vivimos. Quixen explotar esta premisa de maneira totalmente ficticia e explorar que situacións se poden dar neste tipo de negocio e de sociedade na que as relacións afectivas están mercantilizadas. Creo que o interesante aquí é que nin todo é branco nin é negro: por unha parte as persoas acaban convertidas en produtos, que é a base deste negocio, mais tamén doutros e, en xeral, da sociedade; mais logo está o lado máis humano. Que leva ás persoas que contratan outras persoas para facerse pasar polas súas amizades a esta situación? O que intentamos é que a clientela estivese retratada atendendo eses matices de gris destes negocios. Tampouco queríamos darlle un ton moralizador, senón inducir á reflexión, que é o que a min me interesa de contar historias. 

Como foi o seu propio proceso de documentación?
Sobre todo o que me interesaba era coller a premisa e a partir de aí imaxinar, polo que non foi un proceso de documentación ao uso.

Con todo, si que lin sobre o tema, especialmente noticias nas que falaban persoas que se dedican a isto e algunhas persoas que fixeran uso do servizo, aínda que destas últimas atopei menos. 

O que si que fixen bastante foi entrar en webs que ofrecen estes servizos para ver como era a performatividade, como se presentaban as persoas. Ao final de aí estás extraendo que é o que pensan estas persoas que move a alguén a contratar estes servizos. Isto non o exploramos na serie, mais ás veces son persoas que van a un sitio de vacacións e alugan unha amizade para que lles faga de guía. Parecíame interesante ver como se construía esa máscara ou esa marca desde fóra e o certo é que se parece bastante a outras aplicacións como Tinder, a nivel formal. 

Chegou a pensar en contactar con persoas que exerceran estes servizos ou cre que hai límites dentro do proceso artístico?
Sempre pensas moitas cousas, mais por unha parte os tempos adoitan ser limitados e hai moitas cousas que van quedando polo camiño. Tamén é certo que cando se escribiu Rent-a-pal non chegaran estas axencias á Galiza, polo que implicaría ter que trasladarse. E efectivamente este contacto nunca se chegou a dar. 

Precisamente, a protagonista acepta o traballo por motivos que non vou desvelar e pasa por esa situación de non estar de acordo, mais acaba involucrada. 

Ademais, a serie tamén conta cunha web que causou polémica nas redes sociais.
Esta web simula unha axencia de aluguer de amizades e se van vendo conversas e reflexións da protagonista sobre o seu traballo. Foi moi divertido vivir toda esta situación desde fóra e ver que espertaba tanto rexeitamento, aínda que tamén penso que a nada que te fixaras era evidente que non era unha web real. Pareceume interesante tanto por esa cuestión de ter o costume de falar antes de tempo, como porque nos colocou de maneira moi frontal con esta situación, porque en xeral, cando estaba presentando o proxecto, ninguén sabía que isto existía. Pensaban que era ciencia ficción. 

Comentarios