Cinema

Morre Robbie Coltrane, o afábel Hagrid en 'Harry Potter'

O actor escocés faleceu esta sexta feira aos 72 anos de idade.
Robbie Coltrane dando vida a Hagrid en 'Harry Potter'. (Foto: Warner Bros)
photo_camera Robbie Coltrane dando vida a Hagrid en 'Harry Potter'. (Foto: Warner Bros)

Robbie Coltrane, actor escocés coñecido por dar vida ao afábel Rubeus Hagrid na recoñecida saga Harry Potter, faleceu esta sexta feira aos 72 anos de idade.

"Robbie probabelmente será mellor lembrado nas próximas décadas como Hagrid... un papel que trouxo alegría a nenos e adultos por igual, provocando un torrente de cartas de admiradores cada semana durante máis de 20 anos", dixo Belinda Wright, a axente do actor, nun comunicado difundido pola BBC.

No escrito, Wright expresou tamén o seu agradecemento ao persoal do hospital Valley Royal de Larbert, nas proximidades de Edimburgo, e pediu "respecto e privacidade" para a familia do intérprete "nestes momentos tan difíciles".

Coltrane participou tamén en filmes exitosos como 'Ocean's Twelve' ou 'James Bond'

Alén de dar vida ao xigantesco profesor Rubeus Hagrid nas oito películas da franquía Harry Potter, baseada nos libros escritos por J.K. Rowling, Coltrane tamén interpretou Valentin Dmitrovich Zukovsky en dous filmes da saga James Bond —GoldenEye e O mundo nunca é suficiente—.

O actor escocés participou tamén en títulos como Mona Lisa, de Neil JordanEnrique V, de Kenneth Branagh; As aventuras de Huckleberry Finn, de Stephen SommersDesde o inferno, de Albert e Allen Hughes; Ocean's Twelve, de Steven Soderbergh, ou Grandes esperanzas, de Mike Newell.

Aliás, Coltrane protagonizou a aclamada serie británica Cracker, na que daba vida a un psicólogo problemático, alcólico e xogador que colabora coa policía grazas á súa grande habilidade para penetrar na mente dos criminais. Un papel que encarnou durante catro tempadas e que lle valeu tres premios BAFTA de forma consecutiva, en 1994, 1995 e 1996.

Comentarios