'Habitar o baleiro' estréase no 'Sermos Galiza' e achega a primeira fotorreportaxe dun rural que esmorece

Lembra que podes atopar o semanario 'Sermos Galiza' este sábado, 21 de setembro, acompañando o xornal 'Nós Diario' nos quiosques. 32 páxinas por só 1,60 euros!

Detalles do 'Sermos Galiza' que se publicará este sábado, 21 de setembro.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' que se publicará este sábado, 21 de setembro.

Nós Diario regresa este sábado aos quiosques cunha nova entrega do semanario Sermos Galiza. As fotografías de Brais Lorenzo e o relato de Manolo Broa achégannos nas primeira páxinas as "Últimas bafaradas dunha forma de habitar o rural", un percorrido polas comarcas do interior da Galiza, un achegamento ao silencio, ao baleiro que fica en ducias de aldeas do país.

"Case o 10% dos concellos galegos (29 de 313) entrarían, segundo a definición da Unión Europea, na categoría de desertos demográficos, cunha densidade de poboación menor a 10 habitantes por quilómetro cadrado". Son 'desertos' verdes, húmidos e montañosos, describen, antes superpoboados, nos que o abandono do territorio e o cambio climático impulsan secas e incendios sen precedentes, grandes desafíos para quen habita o lugar e para quen observa o baleiro de lonxe.

Durante os vindeiros meses, o colectivo Habitar o Baleiro achegará ás páxinas do Sermos "as historias dun mundo que esmorece, pero que merece ser contado". Este sábado, a primeira entrega.

Feminismo en movemento

Montse Fajardo entrevista Sheila Patricia, quen vén de presentar o seu novo traballo, O Movemento, unha proposta musical que "non só busca axitar os corpos" senón tamén provocar "un tsunami global que desterre os roles de xénero", mesmo na música tradicional.

A presidenta de Músicas ao vivo alerta da desaparición de proxectos xa consagrados se o apoio institucional segue limitándose aos grandes festivais. A artista fala ás claras dunha "situación difícil" no sector e avoga por conseguir "que os premios redunden en contratos, malia a endogamia". O problema, di, "é que os cartos da Xunta están metidos case exclusivamente nos grandes festivais" que rara vez apostan por unha boa representación da música galega e menos aínda por mulleres.

"Programan cousas coñecidas: Tanxugueiras, Fillas de Cassandra... que por suposto son fantásticas, pero ninguén aposta por nomes menos coñecidos. Ademais entenden que con elas xa cubriron a cota feminina e para adiante, a partir de aí xa non entra ningunha. Somos o cupo", sentencia Sheila Patricia nunha entrevista na que reivindica a tradición e a revolución que agocha.

Xogos e libros

Mais para revolución, a do plástico reciclado que nos descobre Sonia Muíña Rivas, enxeñeira química especializada en Tecnoloxías do Medio Ambiente. Da súa man viaxamos até París para facer memoria dun Xogos Olímpicos que foron "exemplo de innovación sostíbel na superficie das competicións, nos balóns e mesmo na roupa deportiva".

Segundo explica, unha das prioridades dos organizadores foi reducir á metade a pegada de carbono, de aí "o deseño de sedes sostíbeis, as opcións de transporte ecolóxico e as prácticas de alimentos e bebidas respectuosas co medio ambiente". Porén, o que nos descobre é o uso que lle deron aos plásticos reciclados, presentes en asentos, podios e vivendas, mais tamén en calzado ou complementos deportivos.

Tensi Xesteira e Anxo González Guerra achégannos cadanseu libro. A primeira, o último de Ledicia Costas, Pel de cordeiro (Xerais), un libro que fala de bruxas, e que Para a crítica é "o máis potente da autora viguesa, cun estilo moi depurado, que combina a intriga que sempre caracteriza as súas historias cunha forma de narrar moi poética e coidada".

Pola súa parte, González Guerra rebuscou na súa biblioteca para traernos ao presente A fiestra valdeira (Galaxia), unha obra de Rafael Dieste publicada en 1927 e dedicada ao arquitecto Constantino Candeira e ao irmán do autor, Antonio Dieste. "É teatro con mensaxe, como entendía a xente das Irmandades da Fala, divertir pero tamén ensinar a pensar".

Música, cinema e arte

Lois Agrelo descóbreno as músicas de Botánica, de Abe Rábade, "un disco fascinante e sorprendente que combina a escola jazzística coa tradición galega", un convite a escoitar que muda na páxina seguinte grazas a nova achega de Xurxo Souto. 'XXX anos de Bravú' lévanos até a Mariña dos Skornabois: Xermán Viluba, Emilio e mais Villamel. "Tres de Vilanova, devotos de Negu Gorriak, dispostos a acender o lume da revolución".

Non falta Andrés Castro, que nos presenta un filme francés protagonizado pol actriz franco-suíza Ella Rumpf (Cru), gañadora dun César a Mellor Actriz Revelación por meterse na pel do personaxe central de O teorema de Marguerite, unha historia onde as matemáticas exercen de guía para tratar "a inadaptación, a desorientación xuvenil e as dificultades por socializar".

Xa nas páxinas finais do Sermos deste 21 de setembro, Ramsés Pérez preséntanos "500 andoriñas nun patio de luces" en 'Ir ás aves', Carlos L. Bernárdez convídanos a visitar a mostra Liña e garabato. Recursos expresivos no debuxo de Laxeiro, aberta até 13 de outubro na Fundación Laxeiro de Vigo, e Xerardo R. Roca máis Xoán Costa déixannos unha presa de pasatempos para pasar a fin de semana.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 21 de setembro, acompañando o xornal Nós Diario por so 1,60 euros.

Comentarios