A Galiza reivindicativa e diversa protagoniza o 'Sermos Galiza'

*Lembra que podes atopar o semanario 'Sermos Galiza' este sábado, 22 de xuño, acompañando o xornal 'Nós Diario'. 64 páxinas por só 3,20 euros!
Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

Como é habitual, este sábado, 22 de xuño, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta volta o semanario está orientado ao Día do Orgullo LGBT+, con dúas reportaxes e unha entrevista que celebran a Galiza reivindicativa e diversa. A primeira delas asínaa Daniela Ferrández e leva por título 'O fío rosa da Galiza contemporánea', un percorrido por algúns fitos, personaxes e historias que nos amosan que o pasado do país foi moito máis diverso do que nos contaron moitos relatos oficiais.

Recuperar e lembrar tanto as súas experiencias como as condicións históricas nas que viviron axúdanos a tecer un fío rosa da historia do país, necesario para desnaturalizar unha norma sexual e de xénero que nos oprime a todas, salienta Ferrández.

Retos presentes e futuros dun país diverso

Ao longo deste mes e especialmente ao redor da próxima sexta feira, 28 de xuño, sucédense actos, manifestacións e celebracións por todo o país. O Día do Orgullo pasou de ser ‘gay’ a agrupar a diversidade LGBT+, de estar centrado nas cidades a medrar nas comarcas. O tecido asociativo vive un mes de intenso traballo organizando e participando en eventos que reivindican necesarios avances e celebran un país hogano máis aberto. E sobre isto escribe na segunda reportaxe Manuel Ramiro López Carro.

Alá por xuño de 1981 celebrábase a primeira manifestación do Orgullo no país. Acontecía en Vigo, non por acaso nunha cidade. O espazo urbano é tradicionalmente considerado o lugar no que se expresan as reivindicacións ou, polo menos, no que antes o fixeron. Para as persoas LGBT+ foi o primeiro espazo no que se alzou a voz para reivindicar dereitos. Á vez, é o lugar que no seu día serviu de refuxio para tantas persoas, onde puideron ser elas mesmas e, ao tempo, unirse e crear comunidade para facelo posíbel, nun espazo aínda nunca exento de agresións, lembra.

Carlos Callón: unha divulgación diferente

Carlos Callón (Ribeira, 1978) é unha das mellores armas que ten o país para “desarmarizar” a historia, que é o termo que el mesmo utiliza cando percorre a diversidade afectiva e sexual ao longo dos séculos. En xaneiro verá a luz o seu novo libro sobre a Idade Media, no que volve ás fontes orixinais para demostrarnos que non todo foi como nolo contaron. Nel atoparemos desde a primeira lápida funeraria dunha parella homosexual na Galiza até todo un santoral trans. Porque o coñecemento é a mellor arma contra a vaga reaccionaria. Entrevístao para Sermos Montse Fajardo.

"Para min foi unha sorpresa encontrarme cunha cantiga de amigo lésbica. Iso en Amigos e sodomitas non estaba. É unha muller que fala do desamor por outra muller, aparecen en feminino moitos versos e o que fixeron os editores no século XIX, XX e mesmo XXI, foi modificar o a feminino polo o", apunta Callón nesta extensa conversa.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Anxo González Guerra achégannos as novidades no sector literario, a comezar por O fabricante de sombreiros, de Pinto&Chinto (Xerais, 2024), e a seguir por unha relectura de Scórpio, de Ricardo Carvalho Calero (Através Editora, 2017).

No apartado musical, Lois Agrelo analiza o disco Fume santo de loureiro, de Moura. E achegamos tamén outras novidades e recentes estreas do panorama musical galego. Aliás, Xurxo Souto asina o artigo 'Medre a cucomanía!'.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Cando sopra o vento (Jimmy T. Murakamy, Reino Unido), así como outros títulos de estrea e clásicos da gran pantalla. Ademais, Ramsés Pérez fala na sección Ir ás aves do xílgaro do número 3. E Carlos L. Bernárdez escribe en Arte sobre a exposición 'Desexando ver', sobre a pintura de Daniel Verbis.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 22 de xuño, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios