Vicente Vázquez Diéguez protagoniza o 'Sermos Galiza' deste sábado

O novo número do semanario abre cunha reportaxe sobre o proxecto colaborativo 'Imaxe Covid', cando se fan dous anos da declaración do estado de alarma.
Vicente Vázquez Diéguez é membro do grupo A Gadaña, introdutor do informalismo na Galiza, impulsor de Estampa Popular Galega, autor de ducias de deseños para diversas iniciativas bibliográficas e culturais.
photo_camera Vicente Vázquez Diéguez é membro do grupo A Gadaña, introdutor do informalismo na Galiza, impulsor de Estampa Popular Galega, autor de ducias de deseños para diversas iniciativas bibliográficas e culturais.

Este sábado atoparás nos quiosques, xunto ao teu exemplar de Nós Diario, o suplemento semanal Sermos Galiza, que protagoniza o artista Vicente Vázquez Diéguez, impulsor de Estampa Popular Galega, a través da entrevista que lle fai Xosé Ramón Ermida.

"Na Estampa Popular Galega, pensamos facer chegar a arte á xente cun prezos asumíbeis. A arte non é só para os ricos. A xente podía ter até un Laxeiro, que formou parte da Estampa Popular Galega e vendíase ao mesmo prezo que o doutros membros do grupo.", apunta Vázquez.

Pola súa parte, Montse González asina a reportaxe "Por que o franquismo fomentou o folclore?", na que analiza a realidade da época partindo da obra Un país a la gallega (Através Editora), de Beatriz Busto.

A pandemia, en imaxes

Este número do Sermos abre cunha reportaxe do xornalista Antón Escuredo sobre a Covid-19, cando se fan dous anos da declaración da pandemia por parte da OMS e do estado de alarma na Galiza.

Narra a historia do proxecto colaborativo Imaxe Covid, que xurdiu co inicio do confinamento nos primeiros meses de 2020. A orixe da iniciativa partiu do fotógrafo galego Óscar Corral.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Olga Brañas e Herminio González, que traen as últimas novidades, e Fernando Montenegro, cun artigo titulado "Unha suite en Compostela".

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, a comezar por A peor persoa do mundo, de Joachim Trier, mentres Pepe Barro ofrece na sección de Deseño unha análise titulada "Cartel achado na vila".

Noutra orde, Manuel Barreiro fala na sección de Banda Deseñada de As aventuras de Passer P. Malta, de Andrés Magán, mentres Mario Regueiro debulla o libro Ética do abandono, de Mário Herrero. Aliás, o colectivo Xea dá unha visión da riqueza da fervenza e a área fluvial de Castriz e Lázaro Armental asina a peza "Priorizar o peonil" na sección de Arquitectura.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por tres euros!

Comentarios