SonDeSeu festexa 20 anos de música

A orquestra conmemora o aniversario cunha xira de concertos.
O primeiro concerto da xira será o día 12 de maio, en Vigo. (Foto: SonDeSeu)
photo_camera O primeiro concerto da xira será o día 12 de maio, en Vigo. (Foto: SonDeSeu)

A orquestra folk galega SonDeSeu, creada na Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional (Etrad), festexa o seu 20 aniversario. "20 anos de transformación orquestral da música de tradición oral" que que serán celebrados ao longo da primavera con catro actuacións especiais en formato acústico.

O primeiro dos concertos terá lugar, precisamente, na cidade que viu agromar a orquestra, Vigo. O 12 de maio, o Teatro Afundación acollerá a actuación inaugural desta pequena xira galega.

Nove días despois, o 21 de maio, SonDeSeu visitará o Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo. Xa de cara ao mes de xuño, a orquestra achegarase á cidade da Coruña e á capital do país, Compostela, primeiro ao Teatro Colón (3 de xuño) da cidade herculina e despois ao Auditorio da Galiza (18 de xuño) de Santiago de Compostela.

SonDeSeu é unha orquestra que naceu hai dúas décadas como "unha actividade de conxunto instrumental coa intención de facer e compartir, colectivamente, a música tradicional galega". Co paso dos anos, a entidade medrou a base de "ilusión, esforzo e xenerosidade colectiva, tanto por parte do alumnado como do seu profesorado, creando novas vías para a comprensión da evolución das músicas de raíz desde a óptica do século XXI", apuntan desde a orquestra.

Figuras e mestres como Rodrigo Romaní, Begoña Riobó, Anxo Pintos, Xisco Feijoó, Xaquín Xesteira, Alfonso Franco e Xosé Liz, forman parte deste proxecto educativo e musical que favoreceu a creación dunha non só prometedora, senón efectiva canteira de músicas e músicos que transmiten a tradición desde a contemporaneidade.

Durante estes 20 anos, ademais, bandas e artistas como Treixadura, Susana Seivane, Rosa Cedrón, Uxía Senlle, Carmen Paris ou Nino Galissa colaboraron dunha maneira estreita con SonDeSeu.

Creatividade colectiva

"A suma da creatividade colectiva e intención de posta en valor da música de raíz ao longo destas dúas décadas deu lugar a numerosos proxectos de investigación no ámbito da música folk ou eventos ao vivo (Libro branco da Educación en Música tradicional, O canto das Illas ou Arraianos), iniciativas que sitúan SonDeSeu como un gran referente da música galega", manifestan desde a orquestra.

Comentarios