Xabier Díaz, as Escolas Semente e a rehabilitación arquitectónica protagonizan o 'Sermos Galiza'

Novo número do semanario, á venda este sábado 13 de abril por 3,20 euros xunto ao xornal 'Nós Diario'
Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

Como é habitual, este sábado, 27 de abril, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta volta a protagonista é o músico Xabier Díaz (A Coruña, 1969), a quen entrevista Xan Carballa logo da publicación do seu cuarto disco, Axúdame a sentir, coas Adufeiras de Salitre.

"Hai un ADN común, que fai que nos reunamos tribalmente para celebrar algo que sabemos que é noso. Escoitamos un aturuxo e semella que nos convoca a todos", comenta o artista sobre a relación do pobo galego e a música.

Escolas Semente

"O dia 23 de abril de 2024 figérom-se cem anos da instituiçom da Escola de Ensino Galego por parte das Irmandades da Fala. Um projeto educativo popular, curricularmente autocentrado, multilíngue e pedagogicamente vanguardista. A sua luz secularizadora e humanística atravessou a escuridom da ditadura primorriverista chegando aos nossos dias para alumiar o horizonte da Escola Nacional Galega", resume Santiago Quiroga, que escribe sobre as Escolas Semente nesta edición do Sermos Galiza.

Ezcurra e Ouzande: Nas puntas dos pés

"Cando o espazo a intervir ten valor histórico, unha actitude posíbel é a de ser sutís e discretos. O estudio de arquitectura Ezcurra e Ouzande ten demostrado gran sensibilidade na rehabilitación", destaca Iago Valverde na súa reportaxe Ezcurra e Ouzande: Nas puntas dos pés.

"Traballando con sixilo, sen facer ruído, como quen anda nas puntas dos pés. Conxugan a actualización dos edificios co mantemento da súa atmosfera orixinal. Nas obras novas apostan pola innovación conxugada coa sustentabilidade", engade.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Inma Otero Varela achégannos as novidades no sector literario, a comezar por Feminismo terapéutico, de María Fornet e coa traducción de María Fe González Fernández (Hercules, 2024); e Retratos de vodas, partos e funerais, de Silvia Penas (Galaxia, 2023).

No apartado musical, Fernando Montenegro analiza o disco Músicas Brasileiras, Músicos Portugueses (Biscoito Fino,2024), da Orquestra de Jazz de Matosinhos. A sección achegamos tamén outras novidades e recentes estreas do panorama musical galego. Aliás, David Regueiro dedica unha reportaxe ao trompetista, vocalista e compositor Louis Armstrong, quen foi unha das figuras históricas máis influentes do jazz.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme +Cuñados (Luís Áviles, Galiza), así como outros títulos de estrea e clásicos da gran pantalla. E Branca Novoneyra da relación entre o canto e a poesía na sección A palabra futura. Aliás, Anxo Fole viaxa ás Indias para achegarnos o menú da fin de semana.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza esta sexta feira, 29 de marzo, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios