Piragüismo

O ano da redención de Adrián Sieiro, ouro mundial e europeo en 14 días: "Penso en París 2024, mais non me obsesiona"

Adrián Sieiro cambiou a bóla de fútbol polo remo e a canoa cando era un rapaz. Após ficar ás portas dos Xogos Olímpicos de Toquio, este ano redimiuse logrando o ouro no Mundial de Halifax no C4 500 e repetindo metal no Europeo de Múnic no C2 500 con apenas dúas semanas de diferenza.
Adrián Sieiro (esquerda) e Joan Moreno, na final do C2 500 do Europeo de Múnic. (Foto: Adrián Sieiro)
photo_camera Adrián Sieiro (esquerda) e Joan Moreno, na final do C2 500 do Europeo de Múnic. (Foto: Adrián Sieiro)

O piragüista Adrián Sieiro (Pontevedra, 1992) quedou o pasado ano ás portas de lograr o ansiado billete aos Xogos Olímpicos de Toquio na modalidade C2 1.000 metros. O seu compañeiro de pa, Sergio Vallejo, natural de Poio e con quen xa lograra o bronce no Europeo de 2018 nesta proba, non puido prepararse en condicións para o preolímpico, pois primeiro a Covid-19 afastouno da auga durante varias semanas e un tempo despois foi diagnosticado coa enfermidade de Epstein-Barr, que lle ocasionou fatiga extrema.

A pesar dese duro golpe si conseguiron, porén, unha praza no Europeo de Poznań (Polonia) no C2 500. A esta cita Vallejo xa non se presentou e Sieiro, sen apenas tempo de adestrar con el, acudiu xunto ao balear Joan Moreno. Quedaron quintos, nunha meritoria actuación que os deixou a catro décimas do podio.

Sieiro e Moreno continuaron xuntos na canoa e comezaron a preparar unha nova tempada á que neste mesmo mes puxo, literalmente, o broche dourado: campión mundial o 7 de agosto no C4 500 (en Halifax, Canadá) e europeo no C2 500 (Múnic, Alemaña), o pasado domingo 21. "Foi un ano fantástico, superáronse todas as expectativas", celebra, en conversa con Nós Diario.

Adrián Sieiro, que nunca antes conseguira colgar do colo o metal máis prezado nunha competición internacional, non esquecerá nunca os dous ouros logrados con apenas 14 días de diferenza. "Desde antes da Copa do Mundo vimos que tiñamos este ano un bo potencial, e así se viu primeiro alí e despois no Europeo. É algo que non esperaba en absoluto cando empezou a tempada, si contaba con estar o máis arriba posíbel mais non isto", destaca.

Tras a espiña de Toquio 2020, o piragüista ten xa entre cella e cella a vindeira cita olímpica, París 2024: "É un obxectivo que aínda queda lonxe, pero obviamente esta aí. Aínda quedan dous anos e neste tempo seguiremos traballando, pouco a pouco, para conseguilo. Esperemos que vaian saíndo ben as cousas e que nos respecten as lesións", salienta. Con todo, matiza: "Tampouco é algo que me obsesione". Nas Olimpiadas da capital francesa unha das novidades é, precisamente, a substitución do C2 1.000 pola proba na que Sieiro é de ouro, C2 500.

Do fútbol ao piragüismo: "Foi unha boa decisión"

Adrián Sieiro iniciouse no deporte nas categorías inferiores do Barro Club de Fútbol, unha disciplina que nada ten a ver co piragüismo e as súas rutinas de adestramento.  Sobre o céspede xogaba na zona de ataque, "de interior e mediapunta", lembra. "Eu daquela era un mingurrias, moi fraco, dos máis cativos do equipo porque aínda non pegara o estirón", explica.

Mais algo no piragüismo chamou tanto a súa atención que con 15 anos decidiu trocar a pelota de fútbol polo remo e a canoa. Sieiro arribou neste deporte en agosto e debutou na tempada entrande como xuvenil: "Cando empecei no piragüismo deixei o fútbol. É un deporte completamente distinto, cunha grande exixencia e que ocupa moito tempo. Chamábame moito máis que o fútbol e por iso decidín cambiar", apunta.

Botando a vista atrás, o pontevedrés véo como "unha moi boa decisión". E así o atestan os seus resultados. "Oxalá estivese igual de remunerado que o fútbol", conclúe.

"O piragüismo galego volve despuntar, seguimos medrando"

Adrián Sieiro compartiu o ouro mundial no C4 500, alén de Joan Moreno, cos tamén galegos Pablo Graña e Manuel Fontán. O piragüismo galego, noutrora abandeirado por lendas do olimpismo do país como Luís Gregorio Ramos Misioné, David Cal ou a incombustíbel Teresa Portela, aínda activa, segue a gozar, pois, dunha boa saúde: "Estamos creando un moi bo equipo, seguimos traballando e nos próximos anos viremos máis fortes se cabe", di Sieiro.

Comentarios